Martes. 08.10.2024
El tiempo

O comité de XEAL denuncia na Inspección o proceder da empresa ante os casos de acoso laboral e sexual

Este venres o persoal volverase concentrar na fábria de Brens, ás 14:45h, para esixir a nulidade da operación de venda
Imaxe nocturna da fabrica de Brens-Foto-Javi Ct
Imaxe nocturna da fabrica de Brens-Foto-Javi Ct
O comité de XEAL denuncia na Inspección o proceder da empresa ante os casos de acoso laboral e sexual

O comité de XEAL acaba de presentar denuncia na Inspección de Traballo para que investigue o proceder irregular da dirección ante os casos de acoso laboral e sexual denunciados por dúas traballadoras, xa que se “incumpriu de maneira flagrante o plan de igualdade posto que a empresa nin adoptou medidas contra o presunto agresor, nin constituíu unha comisión de investigación, nin deu traslado destas situacións á representación social”.

De feito, afirma o Comité, “tras a posta en coñecemento das situación de acoso por parte das traballadoras, a dirección tentou ocultar estas denuncias iniciando un proceso de pesquisas á marxe do establecido no seu plan de igualde e impedindo deste xeito que o comité e os/as delegados/as de prevención tiveran coñecemento da apertura dunha investigación e puideran participar da mesma, tal e como se establece na lexislación vixente”.

Ademais, aseguran que “XEAL suplantou de maneira totalmente ilegal á representación unitaria dos/as traballadores/as, nomeando un "Defensor do Empregado" e deixando así nunha situación de desamparo ás traballadoras que sufriron o acoso”.

Para evitar estas eivas, o protocolo de acoso establece a constitución dunha comisión de investigación cun representante dos/as traballadores/as ou unha persoa nomeada polas traballadoras, para que poidan estar presentes nos interrogatorios das testemuñas coas preguntas que consideraran oportunas para garantir o equilibrio.

O máis grave de todo é que a empresa recoñece que “o denunciado incurriu en condutas non permitidas pola empresa no seu plan de igualdade”, pero así e todo non tomou ningunha medida, "dando cobillo a un individuo que leva a cabo condutas totalmente contrarias aos principios que ten aprobados". Por todo isto, o comité agarda que a Inspección faga as investigacións oportunas e depure responsabilidades para que non se volvan repetir este tipo de actuacións na empresa.

O PP volve cargar contra o goberno central no Parlamento

Falou este xoves o deputado do PP no Parlamento sobre a situación económica de XEAL. Como non podía ser doutro xeito botou a culpa ao goberno central, e a suposta falta de axudas ás empresas electrointensivas, pero asegurou que “o mellor modo de protexer o emprego en Xeal é cumprir as condicións das concesións da explotación en Cee e Dumbría”.
 

Continúa o calendario de mobilizacións

Por outra banda, o comité continuará mañá, venres 9 de xullo, co calendario de mobilizacións semanais diante da fábrica de Brens para esixir exixir da Xunta de Galiza que recoñeza a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como si se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos.

O comité reitera “a fraude que supuxo a operación de cambio de titularidade das centrais e do complexo industrial de FerroAtlántica” e pídelle “á Xunta que interveña ante a empresa para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos dende a chegada de Ithaka á dirección, tanto no cadro de persoal como de emprego eventual, e na industria auxiliar”.

Desde o comité exixen tamén a readmisión do traballador “inxustamente” despedido hai unhas semanas, enmarcada no que califican de “política de persecución contra os traballadores e traballadoras iniciada pola dirección da empresa”.

Novas relacionadas

Comentarios