O Comité de XEAL volve denunciar o intento de segregación entre a produción hidroeléctrica e industrial

A solicitude, xa formalizada, do aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Sta. Uxía, e o proxecto de estación reversíbel de bombeo que a empresa pretende construír no monte da Ruña no Concello de Mazaricos, son dúas novas razóns para que o Comité de Empresa de XEAL confirme que a dirección ten un único interese na comarca: a produción hidroeléctrica.
Para a representación sindical, a empresa está a realizar “un novo intento de segregación encuberto das actividades” de produción hidroeléctricas e de ferroaliaxes, vinculadas por “obriga legal”. Denuncia que a empresa segue investindo en enerxía mentres provoca o “desmantelamento progresivo das fábricas e o recorte drástico da produción e dos postos de traballo” (30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais).
O Comité lembra a ratificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de ter que manter as dúas producións, e entende que Augas debe esixir á empresa “un Plan de Viabilidade que contemple un aumento de emprego no complexo enerxético industrial na mesma proporción que o aumento do caudal de auga solicitado para subir a produción de electricidade”.
Ademais, lamenta o empeoramento das condicións laborais, cunha negociación fallida do convenio.
Por iso, o comité considera que, “antes de autorizar o incremento do caudal e/ou un novo proxecto hidroeléctrico, a Xunta debe comprobar que XEAL está cumprindo a cláusula nos termos en que é interpretada polo TSXG”. Ao seu ver, non se podería entender que a Xunta, que leva anos ignorando as demandas do comité para intervir ante os ataques da empresa ao emprego e ás condicións laborais, así como as recentes peticións de reunións, “lle consinta agora a XEAL seguir engordando os seus beneficios a conta do prezo da luz, mentres destrúe postos de traballo, recorta a produción e leva as fábricas á ruína”.
Todas as novas relacionadas con XEAL
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.
- Xullo 22: A CIG denuncia a “neglixente actuación” da dirección de XEAL ante os accidentes laborais.
- 01-06-2022: O Comité de XEAL denuncia pola vía penal a operación de compra-venda das fábricas e as centrais.
- Maio 22: Bloqueo total entre Comité de Empresa e Xeal no proceso de negociación do convenio colectivo.