Luns. 14.10.2024
El tiempo

Bloqueo total entre Comité de Empresa e Xeal no proceso de negociación do convenio colectivo

Concentracion XEAL Xunta
Imaxe dunha concentración dos traballadores diante da Xunta
Bloqueo total entre Comité de Empresa e Xeal no proceso de negociación do convenio colectivo

Continúa o conflito laboral de XEAL lonxe de solucionarse, ou mesmo de achegar posturas. Comité de Empresa e Dirección continúan alonxando os seus posicionamentos no no proceso de negociación do convenio colectivo. Unha negociación rota dende o pasado decembro, e que segue sen desbloquearse.

Así o denuncia hoxe o Comité, que lamenta a ”negativa da empresa a someterse ao proceso de arbitraxe solicitado pola representación do persoal no Consello Galego de Relacións Laborais, para chegar a un acordo que respecte os dereitos laborais, salariais e sociais polos que tanto pelexaron os traballadores e as traballadoras”.

Dende o Comité aseguran que “a empresa négase a calquera solución que implique unha negociación real e insiste en impor un convenio que rebaixa dereitos e de perda de poder adquisitivo”. Acusan ademais á dirección de “habitual desprezo e prepotencia”, ameazando a comezar a aplicar o convenio privincial do siderometal (de menor calidade que o que tiña a empresa) dende o mes de xuño.

Todo isto é para os traballadores “outra evidencia máis de que o único interese de TPG-Ithaka é recoller os millonarios beneficios xerados pola produción de enerxía, que practicamente obtén a custe cero, mentres desmantela as fábricas de Cee e Dumbría”.

O Comité pide a intervención urxente a unha Xunta de Galicia que en febreiro xa avisou de que non vai moderar no conflito, para que obrigue á empresa a cumplir coas cláusulas esencias das concesións hidroeléctrica e industrial, como son a garantía do emprego, da actividade produtiva e os dereitos laborais.

Todas as novas relacionadas con XEAL

Comentarios