Destripando computadoras para entender a tecnoloxía



Xa é unha realidade. Ese proxecto de alfabetización dixital crítica, tec&tea, xa está en marcha. Botou a andar en Corcubión, e dende dentro, dende as tripas, para ir analizando o mundo da tecnoloxía dende todas as súas aristas e así poder aprender a usar os novos aparellos con cabeciña.
Un grupo de pais, nais, mestres e técnicos veñen promovendo esta actividade nos últimos meses. Foron 5 nenos de entre 8 e 11 anos os que se atreveron a probar, a coller o desparafusador, e pasar 3 horas neste primeiro taller piloto. ”O obxectivo do taller era aprender a desmontar e volver montar un ordenador e con esa escusa empezar a interrogalo e empezar a interrogarnos sobre o que nos gustaría saber agora e máis adiante sobre estes aparellos”, explica unha das promotoras.
Unha parte teórica e unha parte histórica precederon á acción. Unha vez co desparafusador en man, non había volta atrás. Identificar cada compoñente foi toda unha odisea na que a meirande parte da nosa sociedade naufragaría. Despois, volta a montalos e poñelos a funcionar de novo.
Toda unha experiencia que permite que tanto os máis cativos como moitos dos maiores comecen a empoderarse e non sexan tan dramaticamente dependentes do estado de saúde de todos eses “aparatellos” que nos rodean.
Un proxecto que continuará en marcha, esperando que sexan moitos máis os nenxs que se atrevan a “fuchicar” coa tecnoloxía co obxectivo de entendela mellor.
Máis información
Xa teñen un blog aberto, tectea.wordpress.com Tenoloxía en cuestión & Tecnoloxía en acción, no que nos van contando como vai a cousa.Novas relacionadas
- Por unha alfabetización dixital crítica para os nosos cativos.
- Os totems primitivos de Guillermo Lago Lourido volven a casa.
- Un píxel no Medievo para alfabetizar dixitalmente aos nosos cativos.
- Os oficios volven a Corcubión.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).