Entidades da bisbarra únense para implicar ao sistema sanitario na "Iniciativa por TEA"
Se se xuntan 4 entidades tan comprometidas como estas, é que a cousa é importante. E neste caso, pioneira en Galicia. A Asociación Paseniño, Plataforma "Reiseñores" NEE/NEAE Costa da Morte, Asociación Aspadex e o Servizo de Atención Temperá (SAT) veñen de presentar conxuntamente unha campaña para impulsar a implantación dunha Iniciativa de Humanización e Mellora da Atención Integral ao Paciente con TEA..
Fixéron a través do rexistro de entrada no Hospital Público Virxe da Xunqueira e nas oficinas do Concello de Cee un escrito dirixido á Directora de Distrito Sanitario de Cee ás distintas administracións da Area Sanitaria Coruña-Cee e á Consellería de Política Social e Igualdade. A intención é implicar nesta iniciativa ilusionante e pioneira ás diferentes administracións do ámbito sanitario, xerencias, consellería, alcaldías e demais entidades.
”Desde os colectivos e as entidades implicadas, pensamos, e estamos convencidos, que humanizar o noso sistema sanitario implica adaptar a mirada á realidade diversa de cada paciente”, relatan. “Conscientes do desafío sensorial e cognitivo que supón para as persoas autistas a contorna hospitalarias e atendendo ás numerosas demandas e problemáticas que as familias nos foron comunicando ao longo do tempo como usuarias do sistema sanitario vimos a necesidade de presentar unha iniciativa pioneira de Atención Integral ao paciente con TEA (Trastorno do Espectro Autista)”, explican.
Así, propoñen un proxecto deseñado para que o Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira sexa un referente en inclusión, asegurando unha mellora na accesibilidade cognitiva e un acompañamento profesional de referencia.
”As entidades que traballamos para mellorar a calidade de vida de persoas con diversidade en Costa da Morte, expuxemos ao Servizo de Pediatría do noso centro hospitalario a necesidade de realizar, no ámbito sanitario, adaptacións específicas e melloras asistenciais para as persoas autistas. Atendendo as nosas necesidades, realizouse un plan de acción con 10 puntos de actuación. Un decálogo destinado a ser un código de boas prácticas no momento da asistencia sanitaria.