Sábado. 08.08.2020
El tiempo

A escritora ceense Rocío Leira mistura intriga e matemáticas na súa última novela xuvenil “Trescatorcedezaseis”

Portada da nova novela de Rocío Leira, Trescatorcedezaseis, editada por Xerais
Portada da nova novela de Rocío Leira, Trescatorcedezaseis, editada por Xerais
A escritora ceense Rocío Leira mistura intriga e matemáticas na súa última novela xuvenil “Trescatorcedezaseis”

Non para a escritora ceense. Rocío Leira segue creando. Apenas un mes despois de coñecer o seu premio por “Afogada”, publica unha nova novela, na que ademais mestura as súas dúas paixóns, a novela e as matemáticas. “Trescatorcedezaseis”, editado por Edicións Xerais, foi finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, e xa está nas rúas.

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela é o principal escenario no que discorre esta novela xuvenil que mantén a intriga ata o final.

“Xogamos?”; así é como comeza unha serie de correos electrónicos que recibe o profesor Benavides ao mesmo tempo que aparece no Campus Sur o cadáver dun alumno. Este é o primeiro dunha serie de brutais asasinatos acompañados de símbolos e pegadas cos que o autor dos mesmos trata de comunicarse co profesor. A resolución dos crimes convértese nunha obsesión para Benavides que se axuda de Silvia, unha estudante da facultude, para dar co culpable dos crimes. Asasinatos, enigmas matemáticos, egoísmo, narcisismo, vinganza,... son algúns dos temas que se tratan neste traballo que pertece á colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais e que foi finalista na última edición dos premios Jules Verne de Literatura Xuvenil. 144 páxinas divididas en 28 capítulos fáciles de ler en moi pouco tempo grazas a unha sinxela e coidada linguaxe.

Un repaso á súa carreira

Rocío Leira Castro (Cee, 1979) é licenciada en Matemáticas pola USC e dende hai uns anos compaxina a súa afección por escribir co seu centro de formación para universitarios en Santiago de Compostela. Comezou a escribir dende moi pequena e a participar en diferentes certames nos ámbitos do relato curto e da poesía nos que recibiu máis de 200 premios literarios. Este estes recoñecementos destacan o Díaz Jácome de poesía para novos creadores, o Valle Inclán de narrativa, o premio de novela curta do Concello de Negreira, o Rosalía de Castro de Cornellá ou o Anduriña Voandeira de Euskadi.

No 2013 publica a súa primeira obra “Universo Pitágoras”, un libro dirixido ao público infantil no que combina as súas dúas paixóns: a literatura e as matemáticas. Dous anos máis tarde chegou “O becho que quería comer a avoa”; unha novela infantil na que se aborda o tema do cancro no ámbito familiar. Un ano máis tarde, no 2016, publicou dous poemarios: “Obituario” - unha obra de denuncia social coa violencia machista como protagonista - e “Inem”. Tivemos que agardar ata o 2019 para ler os seus últimos traballos: “Veleno en familia”, a súa primeira novela para adultos e que resultou finalista no I Premio de Novela Vilar Ponte do Concello de Viveiro; e “Trescatorcedezaseis”. E hai só uns meses o xurado do 22o Certame de Narración Curta ánxel Fole elixiu como gañador o seu traballo “Afogada”.

Novas relacionadas

comentarios