Martes. 27.02.2024
El tiempo

Esixen que se cubra a praza de Dermatoloxía do Hospital de Cee, vacante dende setembro

Hospital Publico Virxe da Xunqueira
Esixen que se cubra a praza de Dermatoloxía do Hospital de Cee, vacante dende setembro

Nova denuncia en materia de recortes en materia sanitaria que afecta ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

A CIG-Saúde, que xa alertara da situación do servizo de dermatoloxía, así como o de Medicina Preventiva ou Otorrinolaringoloxía, vén de remitirlle á Xerencia da Coruña un escrito manifestando o seu malestar e desconformidade co que está a acontecer coa praza de Dermatoloxía no Hospital de Cee.

A realidade é que o Hospital leva sen a profesional que sacou a praza dende setembro de 2022, cando a praza estaba sen persoal asignado e sen cubrir por renuncia da persoa que a ocupaba a través dun contrato de interinidade ate ese momento. O Sergas, que sacara unha OPE en 2019, resolveu en decembro pasado a aprobación da praza fixa a unha traballadora que nunca se incorporou o centro ceense tras serlle aprobada unha comisión de servizo no CHUAC, deixando vacante o posto no HVdX.

A CIG-Saúde considera “inaceptábel que a Xerencia autorizara unha comisión de servizos sabendo que non tiña garantida a cobertura do servizo no hospital comarcal”.

Lembran que “o servizo de Dermatoloxía en Cee é un servizo unipersoal e a falta de cobertura deste supón para a poboación do distrito de Cee ter que desprazarse ao CHUAC na Coruña, que se atopa a 100km, coas dificultades que isto conleva para unha poboación envellecida, cun transporte público deficitario, e tendo que soportar o custe económico dos desprazamentos, tanto por parte dos/as pacientes coma dos/as familiares”.

A CIG-Saúde esixe “que se oferten con carácter inmediato todas as prazas vacantes e contratos de longa duración para a súa cobertura con persoal temporal en tanto non se cubran con carácter definitivo a través da OPE, tanto na especialidade de Dermatoloxía coma no resto de especialidades médicas que en maior ou menor medida están a padecer mermas no seus cadros de persoal por falta de profesionais”.

Novas relacionadas

Comentarios