Mércores. 06.11.2024
El tiempo

Espazo Carabullo: Profesionais autónomos que apostan pola Costa da Morte

Espazo_Carabullo
O Espazo Carabullo encóntrase no 147 da Avenida Finisterre, en Cee.
Espazo Carabullo: Profesionais autónomos que apostan pola Costa da Morte

A Costa da Morte recolle unha serie de realidades nas que a xente pensa que para poder prosperar profesionalmente ten que marchar, mais hai algúns que viron esta situación como unha oportunidade para unir forzas e apostar pola zona. Ao final, as novas tecnoloxías permiten que a xente poida traballar fora das cidades principais, tendo practicamente como único requisito unha boa conexión a internet. Así nace o Espazo Carabullo.

En setembro de 2019, varios profesionais decidiron xuntarse e apoiarse mutuamente nun espazo compartido en Cee como é o Carabullo, primeira oficina de traballo compartida na vila e unha das poucas que hai en toda a Costa da Morte. Arela Comunicación Sostible, Marcos Rodríguez Fotógrafo e Que pasa na Costa vimos na colaboración unha oportunidade de buscar sinerxías e formar unha comunidade ademais doutras vantaxes como é compartir gastos, facendo desta oficina a nosa sede.

Segundo explica Marcos Rodríguez, "fai anos, virse a vivir á Costa da Morte podería supoñer unha perda importante de oportunidades laborais. Hoxe en día, é posible traballar desde Cee para calquera punto do mundo". Ademais, “sumar forzas é fundamental para garantir o futuro da Costa da Morte”, tal e como apunta David Lourido, de Arela. Algo que ademais é parte da filosofía da súa empresa, a "aposta polos lugares pequenos. Están cheos de recursos que nos importan e favorecen que poidamos desenvolver o noso traballo como queremos. A creatividade e a inspiración que atopamos aquí para os nosos proxectos é moi importante, e non o é menos rodearnos de profesionais nos que poder apoiarnos e dos que poder aprender", declara Lourido.

Para QPC esta tamén foi unha oportunidade para crear unha sede de cara o público, e "para un diario como o noso, no que o contacto coa veciñanza é fundamental, ter unha oficina a pé de rúa era unha asignatura pendente desde fai tempo", indica Ubaldo Cerqueiro, alma mater do diario. Unha realidade que non podería chegar a ser posible sen saídas coma esta. "Levamos varios meses traballando desde o Espazo Carabullo e nese tempo abriunos un abano de posibilidades a novas colaboracións e aprendizaxes comúns. Sempre hai alguén en quen apoiarse ou con quen compartir opinións", afirma Cerqueiro.

Por outro lado, esta tamén é unha forma de aforrar e facer que as pequenas empresas poidan prosperar positivamente ao compartir os gastos entre todos. "Ter un espazo de traballo compartido axúdanos a coidar os nosos recursos económicos, xa que somos unha empresa pequena e non pode ser que invirtamos máis diñeiro en pagar unha oficina que en formación ou noutras áreas importantes para facer medrar o negocio", explica Lourido. QPC tamén se viu favorecida por isto, xa que "o prezo dun aluguer para nós solos poñíalle freo, pero o feito de compartir os gastos entre diferentes profesionais, faino posible", declara Cerqueiro.

Espazo de traballo do Carabullo.Espazo de traballo do Carabullo.


  • Marcos Rodríguez: Mellor Fotógrafo Europeo do ano en reportaxe gráfico (anos 2017,2018 e 2019) e medalla de prata no Mundial de Fotografía (ano 2015).

  • Arela Comunicaicón Sostible: Profesionais da comunicación e o márketing online que permiten facer crecer os proxectos dos seus clientes a través do aproveitamento dos seus recursos.

  • Que pasa na Costa: Diario dixital da Costa da Morte que centraliza na rede toda a actualidade social, política, cultural e deportiva da bisbarra.


Buscas onde desenvolver o teu proxecto?

O Espazo Carabullo naceu como un punto de encontro para profesionais da Costa interesado en desenvolver a súa actividade nun entorno de colaboración. Tres proxectos iniciaron xa a súa andaina conxunta, pero aínda queda sitio para algúns profesionais máis.

Segundo apunta Rodríguez, "hai moito talento e profesionais traballando na Costa da Morte, involucrados en proxectos que acadan repercusión nacional e internacional, pero ás veces é complicado coñecerse. O Espazo Carabullo ten a vocación de ser ese punto de encontro para todos. Nós estamos aquí, visibilizando os nosos proxectos e queremos coñecer a máis profesionais cos que compartir intereses e aprender".

O espazo está totalmente acondicionado para traballar e conta con mesas individuais e enchufes para conectar os equipos ademais dunha conexión wifi de alta velocidade. Tamén dispón dunha sala de xuntanzas, que pode ser empregada como aula de formación ou espazo para presentacións ou eventos, e un espazo de descanso con sofá para xuntanzas informais ou cafés compartidos.

Sala de Xuntanzas do Espazo Carabullo.

Se estás a buscar unha oficina cómoda e tranquila dende a que traballar cun lugar no que poder atender aos clientes, este pode ser o teu sitio. Ponte en contacto con nós e reserva unha cita para visitar o Espazo Carabullo e coñecernos sen compromiso a través do teléfono 615 966 315 ou no correo [email protected]

Comentarios