Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Galicia enteira coñece a excelencia do Barroco do ceense Domingo Antonio de Andrade

Galicia enteira coñece a excelencia do Barroco do ceense Domingo Antonio de Andrade
Exposicion sobre Domingo Antonio de Andrade no Museo do Pobo Galego

Levamos un mes descubrindo a vida e obra do arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade. A través do Especial "Que pasou na Costa" con Víctor Castiñeira, o concello ceense artellou un completo programa con charlas e exposición, cos que a Costa da Morte xa pode coñecer un pouco mellor quen era este ilustre veciño.

Pois dende onte toda Galicia poderá familiarse coa súa figura, unha vez que o Museo do Pobo Galego inauguraba onte a mostra Domingos de Andrade. Excelencia do Barroco, coa que se celebra o terceiro centenario do pasamento do arquitecto céense.

A mostra

Domingos de Andrade, excelencia do barroco fai un percorrido polos elementos máis significativos do arquitecto no conxunto de Bonaval, xa que el foi o responsable da súa completa renovación, previo encargo do arcebispo frei Antonio de Monroy. Entre as intervencións de Domingos de Andrade destaca a fachada principal, o claustro e a escaleira tripla, que están datados entre a última década do século XVII e a primeira do XVIII.

A sede

O convento de San Domingos de Bonaval é unha fundación do século XIII que a lenda lle atribúe ao propio San Domingos na peregrinación que fixo a Santiago en 1219. A primeira edificación do complexo monacal efectúase entre 1220 e 1230, contando con igrexa e convento.

En 1690, o arcebispo Frei Antonio de Monroy e Ýjar encárgalle a Domingos de Andrade que acometa as reformas que precisa o convento. Destas datas son as partes do cenobio que subsisten. Andrade constrúe un novo claustro desmontando o de Avalle, levanta toda a parte norte do edificio, incluíndo a portería coa súa fachada e a fachada da igrexa co seu cuarto superior, e a obra que fai deste lugar un sitio especial: a tripla escaleira helicoidal que comunica as diferentes dependencias interiores, exemplo de audacia barroca deste grande arquitecto galego. Estas obras están rematadas en 1715.

De todas as dependencias do convento destaca polo seu efecto visual a tripla escaleira construída por Andrade para organizar o espazo de circulación entre os distintos andares. A escaleira ocupa o ángulo noroeste, dentro dunha caixa cilíndrica de cachotería, onde se desenvolven tres ramplas que se despregan nunha tripla hélice sen que cheguen a cruzarse nunca entre si. O efecto visual da escaleira acada cotas altísimas polo xogo de posibilidades técnicas que Andrade estende neste elemento.

Novas relacioandas

Fonte
  • Xunta.

Comentarios