Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A nova directiva de Fumes do Cal: "Queremos seguir facendo parroquia”

Nova directiva de Fumes do Cal de Ameixenda
Nova directiva de Fumes do Cal de Ameixenda
A nova directiva de Fumes do Cal: "Queremos seguir facendo parroquia”

José Miguel Caamaño Sendón, Juan Carlos Beiro Ézara, Aliicia Trillo Mouzo, Jesús Márquez Ézara, Miguel Trillo, Javier Carballo Trillo, Javier Caamaño Quintela, José Manuel Lago Grille, Jennifer Lago Grille e Luís Carro Lourido (na foto de esquerda e dereita), ademais de Santiago Carro Boullosa, Alberto Caamaño e David Martínez Lago, forman a nova directiva da SDCR Fumes do Cal de Ameixenda, trala renovación anunciada o pasado decembro. Un grupo de xente nova, que chega coa idea de manter viva a herdanza dos que levan tanto tempo á fronte desta activa Asociación, para “facer parroquia”.

Á fronte foi escollido Javier Carballo, “Bichiño”. Coñecémolo da súa paixón pola natureza e a fotografía, ademais da súa eterna presencia no club de fútbol local, pero hoxe queremos falarmos con el das clases de música, da banda de gaitas… e de todas esas accións que fan que “a xente se sinta partícipe, e que serven para crear unha sociedade viva dinámica, na que teña cabida toda veciñanza”.

 
Grupo de gaitas Fumes do Cal - Foto: Rafa Quintáns
  • Nova directiva e... novo presi?? Como te liaron?!

Ninguén. Eu asistín á asemblea, como outros veciños, e cada un dos que estivemos aí tiñamos unha oportunidade de sumar. Aí estivemos Alicia Trillo, Luís Carro, Santiago Carro, José Miguel Caamaño, Juan Carlos Beiro e mais eu, entre outros, e como vimos que non houbo moita asistencia, decidimos facer unha reunión informal entre nós para ver se podíamos xuntar xente nova. Así foi, xuntamos máis amig@s, e acordamos ir formalizando os cargos da nova directiva. Presidente ninguén quería ser e bueno… alguén ten que ser, e tocoume dar o paso á fronte. Ao final é un equipo de traballo, que máis dá.

 
  • Xente moi nova na directiva, non? Como é coller o relevo xeracional?

A verdade é que formamos un grupo bastante xoven, mesmo con Santi que non chega aos 18, así como Juan Carlos ou José Miguel, tamén moi novos, pero levan toda a vida no grupo de gaitas Fumes do Cal, e acolleron o cargo con responsabilidade para non deixar desaparecer a Asociación. Iso mostra que hai canteira.
Tamén hai xente de 40 e pouco, pero vaia estamos abertos a todo o mundo.

 
  • Cóntanos un pouco como é cando naceu a Asociación. Que vos contou aos máis novos como foi ese nacemento?

É preciso remontarnos a finais da década dos 50 e mencionar a Benito Trillo Trillo (Sr. Benito) -o seu impulsor- que despois de presentarse a un desfile, animouse cara o ano 1957 a fundar a coral “Follas e Cunqueiros” (que non tivo rexistro oficial). Foi espallando toda esta tradición por diversos municipios da nosa costa (Muros, Corcubión, Cee, Fisterra ... por citar algúns) e ampliando a oferta, formándose a escola de gaitas, baile…
Estando en pleno funcionamento, a principios dos 80, como comezo dunha segunda etapa, xorde o de rexistrar a asociación coa denominación de “Fumes do Cal”, enxalzando deste xeito, a importancia que ten para a parroquia o pequeno río que discorre por ela).
En setembro do 2002, e tras case medio século sendo o temón da asociación, Benito Trillo formalizou, por motivos de saúde, a súa renuncia como presidente. A nova directiva mantivo o rumbo da entidade mantendo vivas as tradicións, ata o día de hoxe.

 
  • E ti, que recordos tes da parroquia e da asociación de pequeno?

De pequeno recordo e relaciono a asociación co Fútbol sala, de cando non durmíamos porque era moi importante representar ao teu pueblo por aí adiante xogando ao futbito.
Despois creamos o grupo de gaitas con Benito e coa axuda de Juansiño. Foi espectacular formar parte dun grupo así, e ata o día de hoxe que levo con ese tamboril 27 anos. Festa con foliada aí estou eu, aí estamos todos, tanto dá unha feira medieval, unha foliada, como unha voda. A xente alucina con nós.

 
Grupo de Gaitas de Fumes do Cal dos anos 90
Grupo de Gaitas de Fumes do Cal dos anos 90, con Javier Caamaño (primeiro arriba á esquerda), Javier Carballo (quinto pola esquerda co tamboril) e Jesús Márquez (o primeiro  da segunda fila á dereita)
  • Cales son os obxectivos da Asociación??

Non deixar que desapareza todo o traballo que fixeron os nosos antecesores que protexeron e inculcaron o coidado da cultura e esa confraternidade dos veciños.
Promover o deporte, o traballo en equipo, conservar as festas patronais, promover o turismo, coa conservación dos bens que aínda están.

E sobre todo “facer pueblo”, facer parroquia e que a xente se sinta partícipe, e crear unha sociedade viva dinámica, na que teña cabida toda veciña. Queremos facer da Asociación unha ferramenta últil para facer a vida máis fácil aos ameixendáns.

 
  • Que actividades tendes pensadas para este ano? Un Apostol de época vai ser?

Primeiramente é manter as actividades existentes como son as clases de gaita, percusión e saxo, as festas do Apóstolo e a Semana Cultural.
Temos pensado tamén inscribir un equipo de fútbol sala na famosa Liga de Fútbol Sala de Cee que vai volver para o ano.
Tamén pensamos poñer clases de ioga, zumba, cursos de repostería, cestería… organizar charlas últiles para a veciñanza.

Paralelamente intentaremos realizar unha ruta de sendeirismo para disfrutar dos bens de interese cultural e patrimonial. Pasaremos polos muíños, por Banle, un espazo protexido que ten un valor paisaxístico e natural incontable. Fai pouco descubrimos uns petróglifos moi interesantes.
Ameixenda está ubicada nun sitio privilexiado, en fronte do mar, e co monte detrás, que nos permite disfrutar da natureza. Temos praia, río, monte, cultura, deporte, Caneliñas, a praia de Gures… un abano de posibilidades.
Turisticamente Amexeinda está sen explotar e pode ser moi importante todos estes lugares.

 
  • Que tempos aqueles da Carreira de Burros, eh?! A día de hoxe é impensable recuperala?

Aqueles tempos foron espectaculares daquelas Festas do Apóstolo. Non o criamos cando a recuperamos. Non pensábamos que ía ter acollida e a repercusión que tivo. Pasámolo pipa, os protagonistas eran os animais, que era unha maneira de facerlle unha homenaxe, sempre con respecto, que fose de festa, non de traballo coma sempre, que tanto axudaron nas nosas casas.
Certo que a día de hoxe é impesanble. Xa non se traballan os campos coma antes, como a miña avoa. A poboación de burros agora é moi escasa.

Carreira de Burros Ameixenda 2010-Foto-Marcods Rod 2
Carreira de Burros Ameixenda 2010-Foto-Marcods Rodríguez
  •  É unha parroquia viva Ameixenda, verdade? Por que?

Si, foi e será viva sempre, porque a súa xente sempre tivo moitas inquedanzas. Ameixenda sempre tivo un recoñecemento por parte dos nosos veciños, e sabemos que temos as nosas peculiaridades. Sempre foi un pueblo unido, e aínda que cambien os tempos, temos que manter todo isto. Ten que estar viva en actividades, en asentar poboación, e ter servizos bos… Temos que tratar que Ameixenda sexa un lugar atractivo para poder ser feliz, que esteamos orgullosos de vivir en Ameixenda. E se vivimos en Ameixenda, Ameixenda é unha parroquia viva.

  • Moitas gracias por compartir con nós este tempo, Javi.

Gracias a ti, pero non podo rematar esta entrevista sen agradecer aos que nos precederon. Xentes como Belita (Isabel Ézara), Nemesio, Evaristo e mención especial a Avelita que fixo un traballo tremendo estes últimos anos dende a presidencia, con traballo e dedicación, e sempre está aí para xestionar, e sei que temos o seu importante apoio.
Quero darlle as gracias a todo o equipo, que aquí todos somos necesarios.
É hora de coller as rendas, e xa temos unha idade e estamos capacitados para intentar facer as cousas como mellor poidamos. Iso que non ninguén teña dúbidas.

Novas relacionadas

Comentarios