Martes. 07.12.2021
El tiempo

O HVdX reduciu as listas de espera á metade para intervencións cirúrxicas

O HVdX reduciu as listas de espera á metade para intervencións cirúrxicas
No día de onte o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee ofreceu unha rolda de prensa para facer balance da situación dos tempos de espera de cara a unha intervención. E semella que os resultados melloraron nos últimos meses. Ao longo do primeiro semestre deste ano 2011, o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica reduciuse a 31 días. No mesmo periodo do ano pasado a cifra estaba nos 41 días, e en 2009 en 61. Deste xeito, entre 2009 e 2011 a espera diminuíu en case un 50 por cento. Ao peche do primeiro trimestre deste ano había lista de espera 326 persoas fronte ás 562 que había na mesma data de 2010 (as cifras rebaixáronse en 236 pacientes). De todos os xeitos a actividade aumentou, xa que no primeiro semestre deste ano realizáronse 1.679 intervencións, namentres que no mesmo periodo de tempo en 2010 había 1.645. Todas as actividades de carácter cirúrxico realizáronse en xornada ordinaria, algo que en anos anteriores se compatibilizaba coa xornada extraordinaria. Menos esperas noutras áreas No terreo das consultas externas o traballo aumentou considerablemente, pasando de 3.384 pacientes en lista de espera nos primeiros seis meses de 2010 a 2.698 no mesmo periodo deste ano. De xeito proporcional diminuíu o tempo de espera en primeiras consultas, no que se pasou de 41 días en 2010 a 33 en 2011. En canto ao tempo de estancia media dos pacientes hospitalizados nas instalacións do Virxe da Xunqueira, o mesmo descendeu en medio punto, pasando de 7,16 días no primeiro semestre de 2010 a 6,67 días no mesmo periodo de 2011. Na área de probas diagnósticas o tempo de espera medio para realizar un estudio de carácter radiológico pasou de 19 a 16 días, reducíndose en tres xornadas. Asemade, tamén se viron reducidos os tempos de espera noutras probas diagnósticas como a resonancia magnética ou as ecografías abdominal e xénito-urinaria. Obxectivos Segundo comentan dende o Hospital Virxe da Xunqueira, os obxectivos baséanse no mantemento dos niveis acadados e que vimos de comentar. Afirman estar nos mellores tempos acadados nos últimos cinco anos, cun maior rendemento dos servizos e da actividade en xornada ordinaria.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

comentarios