![ies-fernando-blanco]()
Onte celebrouse no IES Fernando Blanco de Cee a gran final da VI Olimpiada Cultural O Saber Ten Premio
O IES Fernando Blanco de Cee acolleu onte a gran final da VI Olimpiada Cultural O Saber Ten Premio na que participaron os tres equipos finalistas; A.P.N.O.R., Nunca choveu que non escampara e Os aforzunados.
Esta final constou de dúas partes. A primeira parte, na que os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre 976 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático elaborado por Martín Pardiñas Fondo. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos A.P.N.O.R. e Nunca choveu que non escampara empatados a 14.
A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “É a adolescencia a mellor época da vida?”, na que os dous equipos defenderon posturas opostas. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro.
![olimpiada-ies-fernando-blanco]()
Os tres equipos que participantes na gran final da VI Olimpiada Cultural do IES Fernando Blanco de Cee
Despois destas dúas partes
resultou gañador do 1º premio, dotado con 600 €, desta VI Olimpíada Cultural o equipo Nunca choveu que non escampara, composto por: Elisa Lema Gómez, Andrea Rodríguez Trillo, Daniel González Silva, Abraham Domínguez Vázquez e Rocío Caamaño Prieto.
En 2º lugar, cun premio de 400 €, quedou o equipo A.P.N.O.R., composto por: Alejandra Verdía Couto, Miguel Castro Conde, Yeray Ruíz Lourido, Nicolás Carballo Senra e Darío Lago Beiro. O 3º clasificado, galardoado cun premio de 300 €, foi o equipo Os aforzunados, composto por Iván Ferreiro Santos, Adrián Garea Fernández, Iago Lado de Pazos, Jesús Ángel Vilela Domínguez e Martín Rey Trillo.
A gala estivo conducida por María Canosa Blanco, enxeñeira e escritora ceense. Contou cunha nutrida presenza de familiares do alumnado participante que, ademais, puideron asistir a varias actuacións musicais de profesorado do centro e de alumnado. Os premios desta Olimpíada Cultural contaron co patrocinio de Ferroatlántica. Tamén estivo presente a inspectora de educación dona Magdalena Duarte Blanco. Nesta sexta edición participaron un total de 9 equipos que pasaron por varias eliminatorias ao longo do curso ata chegar tres equipos a esta Gran Final.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- IES Fernando Blanco