Os galardoados cos Premios Nordés 2016
20:52 11/11/16
Galardoados dos Premios Nordés 2015
Xa se coñecen os gañadores dos Premios Nordés 2016 do Deporte, Divulgación, Artes e Innovación Empresarial. Catro dos 6 premios que se entregarán na VII Gala Premios Nordés o vindeiro venres 2 de decembro a partir das 21 horas na Casa da Cultura da Picota, Mazaricos e que contará coa actuación do gaiteiro Óscar Ibañez acompañado do acordeonista Fernando Fraga.
Quedan por coñecer o Nordés da Audiencia para o que está en marcha a votación na programación e redes sociais de Radio Nordés Cadena Ser (Jorge Parri, Sara Vieites e os Rapacollóns cobren a día de hoxe os primeiros postos) e o Premio Nordés 2016 que se coñecerá nos próximos días.
O Nordés das Artes é para Federico Pérez, actor de Mazaricos especialista do humor coñecido polo seu papel de Josito en Padre Casares, participou tamén en Libro de Familia, o Show dos Tonechos, Mareas Vivas, en filmes como Mar Adentro e obras de teatro como O Florido Pensil e Presidente.
Actualmente protagoniza Era Visto!, na Galega polo que foi finalista nos premios Mestre Mateo como mellor interpretación masculina e percorre toda Galicia co espectáculo cómico e transgresor Curtis & Teixeiro xunto a Xosé Antonio Touriñán.
Continuamente demostra que non esquece a súa terra senón que a reivindica no seu día a día, participando en eventos como o Gran Fondo Ézaro entre outras colaboracións.
O Nordés da Divulgación é para o Estudo de Arquitectura Creus e Carrasco.
O ceense Juan Creus é doutor, arquitecto e profesor na UDC desde 1996 e Membro da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega desde 2007. Pola súa banda Covadonga Carrasco, natural de Rabadeo, é arquitecta e formou parte da Aula de Rehabilitación do Casco Histórico de Santiago de Compostela.
Xuntos teñen unha traxectoria chea de premios e galardóns que contribuíron a que este ano fosen invitados á mostra de arquitectura máis importante do mundo, a Bienal de Venecia. Donde amosan ao mundo unha Costa da Morte moderna, respectuosa co medio, á vangarda dende o punto de vista arquitectónico. con obras xa premiadas como Casa Chao de Corcubión, a remodelación do Porto de Malpica, a Lonxa de Fisterra ou Albergue Bella Muxía.
Se a nosa terra destaca pola súa beleza natural, os nosos premiados aínda a fan máis fermosa coas súas obras.
O Nordés da Iniciativa Empresarial é para Suministros LAR polo concurso de murais de azulexos, unha iniciativa que naceu hai 10 anos e a día de hoxe continúa sendo unha actividade case obrigada nos centros educativos da Costa da Morte. Unha actividade que contribúe a fomentar o traballo en equipo, a creatividade, o reparto de responsabilidades, a posta en común de coñecementos e esixe compromiso e esforzo que vai máis aló do habitual por parte dos estudantes, abarcando diversas materias como a plástica, a informática ou os idiomas, o que dá unha idea do valor educativo e enriquecedor do proxecto.Unha iniciativa que tamén fomenta a inclusión coa participación de centros como APEM, ASPADEX ou INTEGRO.
Formando parte xa da nosa identidade amosando a creatividade e o potencial dos mozos e mozas da Costa da Morte na última década, como se fose un libro de grosas e xigantes páxinas de formigón e azulexo espalladas por toda a comarca.
O Nordés do Deporte é para Teresa Castro e Rocío Alvite, dúas atletas que coa súa constancia, compromiso, afán de superación, quizais sen sabelo, xa se converteron nun exemplo para moitas rapazas que empezan a practicar deporte.
Teresa é unha vimiancesa nacida en Noia que leva toda a vida correndo. Nos últimos anos logrou varios campionatos de España na categoría F45, un 6º posto no campionato do mundo de 5000m e o 8º en cross. Este ano foi bronce no campionato de España de media Maratón, prata nos 3000m en pista cuberta e Campioa de España na Milla ademais dun 4º posto no Europeo de 10km en Ruta.
Rocío é mazaricana e empezou relativamente tarde a correr, pero dende que participou naquela carreira pedestre de Santiago do 2009 xa non o deixou. Este ano na categoría F35 proclamouse Campioa Galega en vairas probas, Campioa de España en Milla, Subcampioa de Europa de media maratón e Campioa de Europa de 10 km en Ruta.
Resulta case imposible que nun podio do circuíto Correndo pola Costa da Morte ou de calquera outra carreira popular de Galicia non apareza ou Teresa, ou Rocío, ou as dúas á vez.
Novas relacionadas
- 2015: A música, protagonista dos Gala dos premios Nordés.
- 2014: A Costa da Morte rende homenaxe a Pazos de Merexo nos Premios Nordés.
- 2013: Premios globais da Nordés.
- 2012: A potencia de Aspadex triunfa nos premios Nordés.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).