![]()
A programación cultural do mes de febreiro en Cee céntrase nas presentacións dos libros. Serán tres autores vinculados coa Costa da Morte os que presenten os próximos días as súas obras na casa da Cultura ceense. A programación inclúe tamén unha mostra bibliográfica e unha gala poético musical.
A partir do mércores día 15 de febreiro, a biblioteca Francisco Mayán acolle unha
mostra bibliográfica sobre a obra de Rosalía de Castro que estará aberta a todo o público e os centros de educación primaria poderán concertar unha sesión explicativa da obra e vida da poetisa.
Mohamed Safa presenta o xoves, día 16, ás 20 horas o seu libro "La revolución árabe". Ao acto, que terá lugar no auditorio Baldomero Cores, asisitrán tamén Antón Losada - escritor e xornalista - e Ghaleb Jaber Ibrahim - presidente da fundación Araguaney -.
O auditorio Baldomero Cores tamén acolle o sábado 18 de febreiro a presentación de
"A relixión do mar" de Xosé Iglesias, obra gañadora do IX premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar. Ademais do escritor tamén estará na presentación Viki Rivadulla. Ao día seguinte, terá lugar no mesmo sitio unha
gala poético musical na que participarán Manuel Oliveira "Manolín" e as agrupacións de baile Terra de Sena de Cee, a escola de danza Breogán de Brens e Xaldón de Corcubión.
A programación cultural do mes de febreiro remata o día 24 coa
presentación do libro "Costa da Morte, crónica marítima" - de Rafael Lema - que terá lugar na sala de conferencias da Casa da Cultura ás 19:30 horas. Os asistentes serán agasallados cun exemplar da obra.
Concursos biblioteca
Por outra parte, a biblioteca municipal "Francisco Mayán" de Cee vén de publicar as bases do XXVI concurso de Achegamento ó Libro, o XIII concurso na procura do noso marcapáxinas e o VI concurso na procura do noso cómic.
Como novidade, nestes concursos poderán participar unicamente alumnos e alumnas de educación primaria. Ademais, incrementouse a dotación económica.
Os participantes en calquera dos concursos deberán presentar o seu traballo de forma individual nun sobre prechado indicando no exterior do sobre o nome do concurso no que participa, o título da obra e un pseudónimo. No interior achegarase un sobre pequeno, tamén pechado, onde figuren os datos do autor/a (nome, apelidos, idade, título da obra, centro de estudos, curso, enderezo e teléfono de contacto) e o Anexo I das bases debidamente cuberto. Os traballos deberán entregarse no Rexistro Xeral do concello de Cee ata o día 7 de abril ou enviar por correo ordinario ao concello.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Cee