Venres. 29.03.2024
El tiempo

Piden que o monolito franquista de Cee se adique aos fusilados e os mortos por silicose da fábrica

Piden que o monolito franquista de Cee se adique aos fusilados e os mortos por silicose da fábrica
Monolito franquista situado na Fenlla, Cee Monolito franquista situado na Fenlla, Cee

Dende 2011 vén o BNG de Cee solicitando a eliminación dun monolito franquista e o cambio de nome do colexio público para cumprir coa Lei da Memoria Histórica. Desta volta recuperan varias historais para propoñer que ese monolito da Fenlla se traslade ao recheo, e se adique aos fusilados da fábrica de Brens, aos mortos por silicose da fábrica e mais a ao párroco da vila naqueles anos Don Antonio Castro García.

Repasa a historia o BNG ceense.

Os fusilados polo fascismo

O pasado 9 de decembro cumpríronse 80 anos do fusilamento en punta Herminia, (A Coruña) dos operarios da Fábrica de Brens, Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Transmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Manuel García Castiñeira, Domingo López Domínguez, todos eles veciños de Cee ou da bisbarra.

Estes operarios da Fábrica de Brens, xunto a outros traballadores e veciños de Cee e da bisbarra coma Jacobo González Mosquera, Avelino Trillo Casal, Cándido Lema Santos, José Díaz Cernadas, Manuel López, Domingo Trillo, Roberto Mayán... foran delatados en sucesivas declaracións e informes do entón xefe da Fábrica de Brens, Eduardo Garrone de Cristóforis, quen ilustrou un relato subxectivo para presentar ante os golpistas aos mencionados veciños coma persoas “indesexables” e “perigosas” polo simple feito do seu compromiso e pensamento político e sindical; moi nomeadamente, acusounos de liderar unha folga de operarios da Fábrica de Brens, organizada o 21 de xullo de 1936 en contra do golpe militar e en defensa da propia factoría e do pobo de Cee. Principalmente por estas declaracións, o mando sublevado detivo e instruiu unha causa militar contra os oito operarios enumerados no primeiro parágrafo desta exposición de motivos, e que conclúe o 8 de decembro de 1936 coa súa condena a morte por liderar dita folga en oposición ao alzamento franquista, executándoos tal día coma hoxe, hai 80 anos.

”É notorio que os estamentos políticos do noso municipio xamais resarciron axeitadamente a memoria daqueles veciños represaliados, e mesmo fusilados, por defender o réxime democrático, a veciñanza e os postos de traballo dun alzamento militar ilegal, asasino e con tintes fascistas”, indica o grupo da oposición.

As mortes por silicose e Don Antonio

No 1947, aparecía por primeira vez a silicose na fábrica de Carburos Metálicos de Brens. Numerosos dos afectados traballaran no túnel de Castrelo, obra iniciada pola empresa para incrementar a producción eléctrica e suministrala a fábrica.

A pesar da época na que foron os acontecementos, onde falar era moito máis perigoso que calar, o párroco da vila, Don Antonino Castro García, axudado polas organizacións obreiras clandestinas, non tiveron medo ao poder, e promoveron unha campaña de prensa para denunciar as mortes por silicose e a situación de desamparo na que quedaban as viúvas e os orfos dos obreiros da fábrica e do túnel.

De forma paralela, apareceu pola localidade o que se deu en chamar o Libro Negro de Cee, un texto escrito na clandestinidade por membros de Convergencia Socialista. Nesas mesma datas, o semanario El Caso publicaba algúns titulares como: «En diez años, más de cincuenta muertos por silicosis. Viudas y enfermos tienen que luchar para conseguir una pensión»; «Contradicciones entre los médicos oficiales y los particulares», ou «El cura párroco de Cee, al lado de los trabajadores».

Daqueles episodios quedou a obriga da empresa para a mellora das condiciones de seguridad e hixiene, a instalación de filtros nas chimeneas para evitar a manganosis, e o aumento significativo dos salarios de los traballadores.

Así, o BNG ceense vai solicitar vía moción que o goberno comeze os trámites precisos para o traslado do monolito sito na Fenlla ao recheo ceense, e unha vez alí sexan retirados del calquera vestixio que lembre a época fascista, e colocadas dúas placas: unha na que figuren o nome dos oito fusilados polo réxime franquista e outra na memoria dos mortos pola enfermidade mortal, que padeceron por traballar en condicións inhumanas, e na honra do párroco don Antonio Castro García.

Novas relacionadas

Máis novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios