Venres. 19.04.2024
El tiempo

Representantes de Correos denuncian os feitos contra a dignidade dos traballadores da carteiría de Cee

pancarta concentracion correos cee
O representantes de Correos frente a carteiría de Cee
Representantes de Correos denuncian os feitos contra a dignidade dos traballadores da carteiría de Cee

O Comité de Empresa e Xunta de persoal de Correos denuncia que dende hai tempo están a recibir información sobre actuacións da xefa da carteiría de Cee, “máis encamiñadas a acrecentar a condición de poder que sustenta a xefa desta carteiría, que a conseguir unha mellora na organización ou na calidade do servizo e por descontado, nas relacións entre o persoal da UR de Cee”, segundo comentan nun comunicado. É por isto que os órganos de representación do persoal de Correos convocaron esta mañá unha concentración diante da Oficina de Correos de Cee.

Así, denuncian a diferenza de trato entre distintos traballadores, “complicándolle a un persoal os seus labores con cambios de barrio ou de tarefas, ou engadindo e incrementando tarefas ate ser inasumibles”. Peor aínda son, explica a representación social, “as ordes explícitas por parte da xefa de reparto ó persoal fixo e/ou con experiencia de non axudar ó ‘contratado temporal’ inexperto, nin nos labores nin compartindo o coñecemento”.

concentracion correos cee

Neste senso, apuntan que o persoal eventual chega a un primeiro posto sen formación práctica nin teórica facilitada pola empresa, o que dificulta o correcto desempeño das xa de por si complexas seccións de reparto, especialmente no rural, o que converte a estes traballadores en excepcionais con grandes cualidades, pero non con superpoderes que lles posibiliten a adiviñación e a ubicuidade.

Denuncian tamén, que as “actitudes despóticas” dalgún xefe, non son un caso illado. De feito, teñen constancia de que estas actitudes están sendo alentadas por algúns xefes de sector, e frases como “xa me dixo o xefe que aquí mandaba eu e faise o que eu diga” repítense con moita frecuencia cando o persoal reclama un dereito recollido por lei. Alertan que o caso da UR de Cee "raia o escravismo", cando se consegue que os contratados traballen por parellas repartindo o traballo e o salario dun contrato entre dúas persoas, "para satisfacer á xefa de distribución e non sufrir unha avaliación negativa, que suporía a incapacidade de traballar de novo e incluso poder presentarse ás oposicións futuras para persoal de Correos", explican.

Todo isto foi posto en comunicación do Presidente de Correos e o Director da Zona nº 1 co fin que coa maior brevidade posible se fagan as indagacións oportunas para descartar unha situación de acoso laboral e se tomen as medidas precisas para poñer fin a estas actitudes,  actuacións que supoñen un atentado contra a dignidade dos traballadores e un agravio comparativo entre iguais. Así mesmo na mesma comunicación esixíaselle preventivamente ó Director territorial de Compostela o cese inmediato da Xefa de distribución responsable da unidade de reparto de Cee.

Comentarios