sábado. 17.01.2026
El tiempo

A SDC Brens estoupa ante a persecución municipal

Casa da Cultura de Brens ateigada
Imaxe da Casa da Cultura de Brens ateigada nun acto da entidade
A SDC Brens estoupa ante a persecución municipal

Levan anos aguantando, en silencio, os desdéns do Concello, pero a súa vontade de seguir remando polo ben da parroquia impulsábaos a manter a cordialidade, esperando que as cousas se fosen solucionando co seu bo facer. Pero de nada serve facer actividades para o pobo en materia de música tradicional, en materia de innovación tecnolóxica, actividades literarias ou accións solidarias se o que hai en fronte é unha persecución continua.

Falamos da SDC Brens, unha entidade sen ánimo de lucro con 40 anos de historia, e que coa nova directiva leva 2 anos de máxima actividade cultural, convertindo a súa parroquia nun dos epicentros culturais da comarca de Fisterra. Pero algo pasa no Concello de Cee, que non gusta a directiva e se fai todo o posible por castrar a súa actividade.

A última faena, e que xa provoca que a entidade saia do armario e denuncie a discriminación que sofre, está vinculada coas axudas municipais para entidades. “O que estamos a sufrir está directiva non llo desexo a ninguén pero o deste ano xa é de traca”, recoñecen dende a entidade.

A Asociación leva dous anos solicitando as subvencións de cultura do Concello de Cee. Nestas dúas anualidades viron como se lles preconcedían as subvencións na súa contía máxima (2.000€), pero ao final, a base de estranos reparos, que non acontecen con outras asociacións, acaban por rexeitarllas.

E 2024, o Concello, trala primeira preconcesión, respondía que a entidade non era merecedora da subvención máxima, pero sen comunicalo de forma oficial e sen dar a oportunidade de presentar recurso.

Xa no 2025, e tendo no currículo anual a demostración patente de ser unha das asociacións que máis actividades ten feito (ademais das clases de baile galego, pandeireta, cerámica, patinaxe… teñen realizado presentación de libros, actuacións de música galega en directo, obras de teatro...) volven a preconceder a subvención máxima. Pero trala presentación de toda a documentación, “empezan os problemas”. Se ben só tiñan que xustificar os cartos subvencionados (2.000), a entidade presenta facturas por máis de 3.000, pero Concello non lles acepta unha factura do seguro porque non cubre o ano enteiro (cubre de decembro a decembro). Con todo presentando facturas que superan a subvención preconcedida, o Concello finalmente non lles outorgou a subvención preconcedida, sen comunicación ningunha á entidade. Si que responde o Concello á reclamación por sede electrónica, cunha argumentacón que non entende unha Asociación que o único que está a facer é solicitar a colaboración municipal para realizar actividades na súa vila.

”O que non entendemos é que a outras asociacións danlle a máxima. Por que a eles si e a nós non? Por que esa fiscalización a nosa asociación?”, pregúntanse.

”Non entendemos nada pero seguiremos loitando para que na nosa parroquia sigamos tendo teatro, música galega en directo, pandeireta, cerámica, baile galego…”, aseguran.

Máis novas sobre Brens

Comentarios