O Sindicato SAE denuncia que o HVdX dispensa medicación sen supervisión farmacéutica
Non hai farmacéutico nos turnos de tarde, fins de semana e festivos no Hospital Virxe da Xunqueira. Outra consecuencia dos eternos recortes en sanidade que leva a cabo o goberno da Xunta nos últimos 20 anos, que provoca que neses turnos, as funcións propias do farmacéutico (revisión e validación previa de todo tipo de medicación a todas as unidades) as realice persoal que non dispón de tal titulación.
Así o denuncia o sindicato Sindicato de Técnicos Auxiliares de Enfermería SAE, que asegura que o centro consinte esta situación, na que son os técnicos de farmacia os que se están encargando da supervisión, cando segundo a propia definición do posto, non poden realizar as súas funcións sen a supervisión dun farmacéutico.
Esta situación mantense durante anos a pesar das queixas e reclamacións presentadas polo sindicato ante o Centro e a Xerencia. O sindicato asegura que a Área Sanitaria ten coñecemento desta situación e que en varias ocasións prometeron tomar medidas, pero ata o momento a situación segue igual.