Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Stoupa e Egueire celebraron unha velada festiva “De Costa a Costa”

Stoupa-Membros de Egueire e colaboradores de Stoupa
As familias de Egueire e Stoupa unidas
Stoupa e Egueire celebraron unha velada festiva “De Costa a Costa”

Este pasado sábado moitos amigos da ONG “Egueire” achegáronse á Galería Stoupa para gozar nun ambiente festivo da exposición “De Costa a Costa”. Unha colección pezas da artesá marfileña Mimi La Bish que combina a artesanía de Costa de Marfil co da Costa da Morte, integrando o encaixe nos deseños de traxes cerimoniais de diferentes etnias do país africano.

Stoupa-Público entrando ao evento
Numeroso público de toda a comarca deuse cita no evento

Presentou o evento Begoña Fernández, Xerente da galería ceense, que analizou as pezas que forman parte da colección que integra as artesanías dos dous pobos e sinalou a importancia de documentar as técnicas tradicionais da artesanía, pois así se poderán enriquecer as artesás de hoxe en día, permitíndolles adaptar o oficio tradicional ás novas tendencias estéticas e os novos usos que require a sociedade contemporánea.

Desiré Kouakou, presidente de Egueire, agradeceu a colaboración desinteresada de Stoupa, explicou como xurdiu este proxecto e fixo unhas reflexións moi interesantes sobre o problema de intentar medir cos mesmos parámetros a nosa vida no primeiro mundo coa dos países africanos, porque están en esferas moi diferentes, con realidades que merecerían ser recoñecidas e respectadas mutuamente.

O evento continuou cun coctel que se prolongou ata case medianoite e foi amenizado pola impresionante voz de Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre e o guitarrista Xaquín Rama, que quixeron mostrar así o seu apoio a este proxecto.

A exposición “De Costa a Costa” aínda poderá visitarse ata mediados de xullo, de martes a sábado en horario de mañá ou con cita previa, a calquera día e hora, chamando ao teléfono 661436483 ou na web www.stoupa.gal.

Novas relacionadas

Comentarios