A UGPOL chama a atención ao Concello de Cee polo mal uso da Policía Local e Protección Civil
A grave situación da Policía Local de Cee, con todos os axentes de baixa, provoca situacións, ás veces ilegais, como as que se está dando na vila da Xunqueira. Por iso, a Asociación Profesional “Unión Galega de Policías Locais de Galicia” (UGPOL), vén de enviar un comunicado á alcaldesa de Cee, e tamén ao rexedor de Corcubión (cómpre lembrar que no caso de Corcubión é que non contan con ningún axente de Policía Local), así como aos responsables de Protección Civil, para que non volvan utilizar mal os recursos.
A entidade tivo coñecemento que na actualidade Voluntarios de Protección Civil das agrupacións de Cee e Corcubión, permanecen levando a cabo funcións que non lle corresponden, como é a regulación do tráfico. Dende a UGPOL alertan de que os voluntarios de Protección Civil non poden pechar rúas ao tráfico e non poden levar a cabo funcións de seguridade salvo que concorran situacións de emerxencia, e en ausencia de axentes da circulación. Son funcións da Policía Local e os membros Protección Civil só poderían operar como persoal auxiliar dos membros da Policía Local, sempre baixo supervisión e nunca substituíndoa nas súas funcións
A UGPOL lembra que xa hai mesmo sentenzas que impiden esta situación aínda que haia decretos da alcaldía, e para evitar situacións que puideran derivar en esixencias con responsabilidades civís e/ou penais, como consecuencia de que se produza un accidente ou peor aínda, instan aos rexedores de Cee e Corcubión, así como aos responsables de Protección Civil a que non ordenen nin permitan que voluntarios de Protección Civil realicen funcións de ordenación da circulación do tráfico, nin funcións de seguridade na vía pública, sen estar supervisados por axentes da Policía Local, salvo nos casos legalmente establecidos.
Alertan ademais que dita práctica pode ser considerada como un “feito delictivo” conforme ao artigo 404 do vixente Código Penal, “a Autoridade ou funcionario público que, coñecendo da súa inxustiza, dite unha resolución arbitraria nun asunto administrativo será sancionada coa pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de sete a dez anos”, polo que entenden que, “en caso dunha Autoridade ordenara realizar aquelas funcións ilegais a un colectivo determinado, como é neste caso os Voluntarios de Protección Civil, posiblemente poida incorrer neste tipo de delito, polo que no caso de persistir estas prácticas, teríamos que dar conta a Fiscalía. En canto aos responsables de Protección Civil podrían incorrer nun feito delictivo conforme aos artigos 402 e 403 do C.P. “Usurpación de Funcións Públicas e Intrusión”.