Martes. 14.05.2024
El tiempo

A radiONeria volve ás ondas

A radiONeria volve ás ondas
A emisora municipal de Corcubión radiONeria volve emitir no 107.8FM

Case 6 meses sen emisión pero a radiONeria nunca morre. Xa parecen case intrínsecas estas idas e vidas da emisora municipal de Corcubión, aínda que supoñen un gran varapao par establecerse como frecuencias favoritas para os veciños da zona. Pero a falta dun auténtico apoio institucional e a falta de medios fan que esta pequena fonte de liberdade non poida asentarse.

En todo caso, os Voluntarios da emisora veñen de solventar os problemas técnicos que deixaron apagadas as ondas da 107.8FM durante todo este tempo. Pero volven soar con forza. Ademais, a emisora estreará novos equipos tras unha subveción solicitada polo Concello.

Polo que dende xa podemos escoitar a radio dende o 107.8FM en Corcubión, Ce e Carnota, ademais de a través da rede no radioneria.blogspot.com.es.

Así, o pasado sábado volvían os programas co Fórmula Neria de Iván Pereira.
Antes, o xoves, dende a radio irmandada cormelá Radio Roncudo, xa volvían as conexións en directo co "Ronsel" de Óscar Rey Calo, que ás 16:00h fai un repaso á actualidade costeira, e onde, por certo, colabora este diario coa Axenda da fin de semana.
Ademais, polo verán é máis que posible a estrea dun novo programa de deportes, da man de Manu Trillo, un dos dinamizadores do fútbol costeiro a través do Depor Sport, ao tempo que andan na procura de recuperar todos os programas que estaban na grella.

Ademais, mañá e tarde tendes numerosos bloques musicais repletos de éxitos, de merengue, de música de antes e de hoxe. E compartindo contidos coa radio de Corme, intentar vertebrar a bisbarra a través das ondas.

Esperemos que tarde en chegar o vindeiro apagón.

Novas relacionadas

Fonte e máis información

Comentarios