Anunciadas 2 millóns de euros para a renovación do complexo da Garda Civil de Corcubión
- A oposición aproveitou para pedir o remate do paseo ou denunciar o desmantelamento de servizos dependentes do goberno central
Visitaba o delegado do goberno central en Galicia, José Miñones, o cuartel da Garda Civil de Corcubión. Facíao para anunciar unhas obras de mellora do illamento exterior, tanto das paredes como da cuberta, así como as fiestras dos edificios de vivendas e oficinas. As obras van instalar ademais paneis solares para o abastecemento de enerxía, coa intención de aforrar o 30% do consumo actual de enerxía.
O delegado coñeceu as instalacións do cuartel, no que traballan preto de medio centenar efectivos e onde se ubica a sede do destacamento de Tráfico. Alí coñeceu as novas instalacións da policía xudicial, unha unidade que leva operativa catro meses en Corcubión.
A actuación, que ten un investimento de 2 millóns de euros, estará rematada en 24 meses.
O Paseo
Aproveitou a visita o grupo de Sempre Corcubión para preguntarlle ao Delegado polo remate do paseo entre Cee e Corcubión, unha obra solicitada dende hai máis de 10 anos, e que xa anunciada hai 2 anos e medio, pero pola a veciñanza segue esperando.
O delegado dico que as directrices son de non construír paseos senón apostar pola recuperación ambiental, rematando o camiño que xa se está executando.
Desmantelamento de servizos
Tamén o BNG aproveitou a visita para trasladar con detalle as queixas polo desmantelamento de servizos, de falta de persoal e de atención presencial nas oficinas que a administración xeral do Estado ten na localidade, INSS, TXSS, Correos, Xulgados, Forzas de Seguridade, etc. Fíxose fincapé na atención presencial e que para certos trámites se elimine a cita previa.
Demandaron que interceda e evite que os mariñeiros da confraría de Corcubión e do resto da Costa da Morte teñan que desprazarse para facer os cursos de formación sanitaria e que estes se realicen nas aulas que o propio ISM ten en Corcubión.
Na mesma reunión os concelleiros nacionalista tamén solicitaron que se pida a SAREB a devolución dos terreos que ten en Corcubión en relación a recuperación e a posta en valor das ruínas das antigas fábricas de salazón de Quenxe, xa que ademais agora pasa a xestión pública e que o BNG xa presentou no seu dia para debate en pleno unha moción para incluír no sistema xeral de espazos libres estas parcelas de Quenxe.