Luns. 29.04.2024
El tiempo

O BNG pechou a campaña en Corcubión e Carballo

BNG-Ana Pontón - Carballo
Ana Pontón en Carballo
O BNG pechou a campaña en Corcubión e Carballo

Remata hoxe a campaña electoral das Eleccións Galegas deste domingo 18 de febreiro. E para pechala, este xoves o BNG celebraba actos en Corcubión e Carballo.

BNG-Drok Oscar Insua e Xose Regueira en Corcubion
O alcalde de Corcubión Xabier Domínguez, o nº7 da candidatura do BNG, o corcubionés Oscar Insua, e o carballés Xosé Regueira no acto na vila de San Marcos

Eran as 19:30 cando o Cárcere Vello de Corcubión acollía un mitin do BNG, coas intervencións de: Xabier Domínguez "Drok", alcalde de Corcubión; Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación; e Oscar Insua, candidato ao Parlamento Galego pola Costa da Morte.
Os intervintes centraron o seu discurso no “abandono a todos os niveis que sofre a comarca logo de 15 anos de gobernos do PP na Xunta”, e insistiron na necesidade dun “cambio que ten que ser liderado polo BNG con Ana Pontón como Presidenta de Galiza”.

Oscar Insua comprometeuse, cando sexa deputado, a “impulsar un estudo de viabilidade para que o ferrocarril chegue á Costa da Morte, así como a loitar polo Centro de Día e o Porto Mixto para Corcubión”. Tamén apostou polo “remate da autovía, a mellora dos servizos públicos na comarca, e a defensa dos sectores do mar e o agro para poñer o país a producir”.

Pontón en Carballo

Ata Carballo desprazouse a candidata nacionalista e voceira nacional do BNG. Ana Pontón visitou Carballo despois de non poder asistir ao mitin celebrado onte na localidade debido á súa participación no debate electoral convocado por TVE.

Pontón, comprometeuse a presidir un goberno que cumpra con Carballo a partir do próximo 18 de febreiro para “deixar atrás 15 anos de discriminación” dun executivo do PP que exemplificou nesta localidade o “uso clientelar” que fai da Xunta.
Pontón ratificou o compromiso coa “rexeneración democrática”. “Creo nunha maneira de facer política que é a de tratar ás persoas por igual e aos concellos por igual”, afirmou para avogar por erradicar as políticas destes 15 anos do PP “onde vimos un uso clientelar da Xunta”.

“Estamos moi cerca e creo que moi poucos votos poden facer que a balanza se decante para un lado ou para outro”, animou logo de lembrar que o que nos xogamos este próximo domingo “é se o próximo presidente se apelida Rueda, ou se a próxima presidenta se apelida Pontón”. “Se seguimos cun goberno que nos deixa atrás ou se abrimos un tempo novo cheo de ilusión e tamén con ambición de País”, concluíu.

Máis novas

Comentarios