Luns. 29.04.2024
El tiempo

Os candidatos do BNG ás eleccións do 18F visitan os parques empresariais

bng_reunion_empresarios_poligono
bng_reunion_empresarios_poligono
Os candidatos do BNG ás eleccións do 18F visitan os parques empresariais

Estes días os diferentes candidatos da Costa da Morte ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro están a visitar diferentes puntos da comarca e a manter xuntanzas con representantes de diferentes sectores económicos. 

Un deles foi Daniel Pérez, o candidato número 5 do BNG pola provincia da Coruña, que - acompañado polo concelleiro de Promoción Económica do Concello de Carballo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira - mantivo onte unha xuntanza co empresariado do polígono industrial de Carballo para falar dunha infraestrutura “tantas veces reclamada, tantas veces prometida polo Partido Popular e na que nunca chegou a moverse unha soa pedra”, como apuntou Daniel Pérez.

Nesa reunión púxose de manifesto, unha vez máis, que tanto para o empresariado como para o BNG hai dúas cuestións fundamentais ás que debe dar resposta o próximo goberno da Xunta de Galicia: a ampliación do polígono de Bértoa e a circunvalación. “Eu creo que socialmente é algo interiorizado, porque son dúas infraestruturas fundamentais para xerar emprego nun concello que ademais é cabeceira de comarca, polo que toda a comarca se vería beneficiada”, indicou o
candidato.

Daniel Pérez lembrou que Carballo carece de solo industrial. No polígono só quedan tres parcelas dispoñibles, “e isto é un lastre, porque impide que se asenten aquí empresas que xerarían emprego. Non hai ningunha causa obxectivo para que desde a Xunta se leve dilatando durante tantos anos a ampliación do polígono. E da circunvalación, que dicir, todo o mundo sabe o que supón o tráfico pesado polo Chorís, e eu creo que é unha obra imprescindible, tanto para quitar o tráfico pesado dunha zona escolar e deportiva como para acabar co problema de comunicacións do polígono de Carballo”.

Polígono do Allo, en Zas

Mercedes Queixas e Óscar Insua visitaron, acompañados por Manuel Muíño, o parque empresarial de O Allo
Mercedes Queixas e Óscar Insua visitaron, acompañados por Manuel Muíño, o parque empresarial de O Allo

O pasado mércores, Mercedes Queixas e Óscar Insua, números 2 e 7 da candidatura do BNG, visitaron o Polígono do Allo acompañados polo alcalde de Zas, o nacionalista Manuel Muiño Espasandín, e de varios membros do seu equipo de goberno. Queixas e Insua comprometeron “todo o apoio do futuro Goberno galego presidido por Ana Pontón ao Parque Científico Tecnolóxico que promove o Concello de Zas”.

“Reindustrializar o país será un dos piares da política económica que vai despregar o goberno de Ana Pontón”, avanzou Queixas. “Nunha economía moderna, só se pode crear riqueza, crear valor, a partir da ciencia e a tecnoloxía. É por iso que este proxecto do goberno local de Zas nos parece tan necesario non só para o concello, senón para o conxunto da Costa da Morte”, remarcou.

A ampliación do Polígono do Allo para albergar o Parque Científico Tecnolóxico -só existen dous equipamentos destas características na Galiza, nos termos municipais de Vigo e Ourense- xa está contemplada no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Zas. “É de aplaudir a planificación deste proxecto por parte do goberno local que lidera o compañeiro Manuel Muíño. Esta é unha nova mostra de como o nacionalismo, cando goberna, ten a capacidade de desenvolver todas as potencialidades do país. Así o faremosntamén a partir do 18 de febreiro cando abramos un novo tempo na Galiza
con Ana Pontón á fronte da presidencia da Xunta”, concluíu Queixas.

Comentarios