Luns. 29.04.2024
El tiempo

Os candidatos do BNG ao Parlamento Galego reúnense con distintos colectivos da Costa da Morte

bng-encontro-comite-empresa-xeal
Candidatos do BNG ao Parlamento Galego mantiveron un encontro con representantes do Comité de Empresa de Xeal
Os candidatos do BNG ao Parlamento Galego reúnense con distintos colectivos da Costa da Morte

Esta foi unha intensa fin de semana para os candidatos do BNG ao Parlamento Galego que mantiveron encontros con distintos colectivos da Costa da Morte. O pasado venres, día 9, Daniel Pérez, Oscar Insua e Primitivo Pedrosa, mantiveron un encontro co Comité de Empresa de Xeal, no que recolleron as inquedanzas dos traballadores e comprometéronse a facer cumprir desde o goberno da Xunta as sentenzas xudiciais que obrigan ao mantemento da actividade industrial e os empregos na compañía. “O noso compromiso sitúase na defensa dos postos de traballo e a reindustrialización da comarca”, afirmaron os nacionalistas.

Os representantes dos traballadores subliñaron a baixa actividade que ten nestes momentos a empresa, a pesares de que solicitaron en múltiples ocasións á Xunta que se implicase no cumprimento das cláusulas concesionais que obrigan a Xeal a conservar a actividade industrial. Porén, indicaron que desde 2019 elimináronse 40 empregos fixos e 80 eventuais, aparte da perda xerada nas empresas auxiliares. Neste punto, os candidatos do BNG sinalaron que a Xunta de Galiza “ten competencias exclusivas en materia de industria e non debería poñerse de perfil neste asunto”.

Na xuntanza, na que tamén participou o responsable local do BNG de Cee, Serxio Domínguez, falouse do movemento especulativo que fixo o grupo “TPG”, que en 2019 comprou a compañía por 170 millóns de euros e logo vendeuna en
2023 a “Energo-Pro” por 300 millóns, sen que a empresa realizara nada en favor dos traballadores. Tanto o Comité como os candidatos do BNG insistiron no interés que existe polo negocio hidroeléctrico e o intento en deixar de lado a produción nos fornos da fábrica.

Outro dos asuntos tratados foi a solicitude dunha concesión por parte da empresa Feroe para a construción dun novo encoro no monte de A Ruña, en Mazaricos. Para os representantes dos traballadores trátase dunha operación feita “por unha empresa fantasma, xa que non ten traballadores”, e afirmaron que Feroe ten ligazón con Xeal “aínda que queiran dar a entender que é unha compañía independente”.

Encontro coas ANPAs

bng-encontro-anpa
Encontro con representantes de varias ANPA da comarca

Os candidatos do Bloque Nacionalista Galego tamén mantiveron esta fin de semana un encontro con representantes de varias ANPA da comarca que lles trasladaron as súas preocupacións entre as que están os recortes de profesorado e persoal de apoio, os problemas de transporte, a faltade de acceso a Internet na zona rural e as dificultades para a conciliación.

Representantes de varias ANPA da comarca mantiveron unha xuntanza co candidato número 5 do BNG, o carballés Daniel Pérez, e coa candidata número 14, a larachesa Carolina Castiñeiras, na que puideron expoñer as súas demandas. A máis importante, a política de recortes que vén aplicando o Goberno do PP tanto no que respecta a profesorado como a persoal de apoio para necesidades específicas, como sucedeu este curso no CEIP Xesús San Luís Romero, onde se agruparon dous cursos de infantil malia que nove dos 31 nenos e nenas escolarizados teñen necesidades educativas especiais; ou no Otero Pedraio da Laracha, onde a insuficiencia de PT e AL provoca que o equipo directivo se vexa obrigado a facer labores de apoio en nove grupos.

Para o BNG é fundamental “paliar as carencias que ten a educación pública debido aos recortes”, díxolles Carolina Castiñeiras, e traballar para conseguilo será un dos obxectivos do goberno presidido por Ana Pontón. "O noso programa inclúe ademais outras propostas como a recuperación da gratuidade dos libros de texto, pero, sobre todo, queremos articular un protocolo, en colaboración coas áreas de Sanidade e Servizos Sociais, que permita detectar e abordar as necesidades e os problemas do alumnado, que tantas veces transcenden do educativo", indicaron os candidatos do Bloque. Daniel Pérez e Carolina Castiñeiras puxéronse, unha vez máis, a disposición da comunidade educativa para seguir mantendo un contacto permanente tanto coas ANPA coma co profesorado, “porque é esencial traballar en conxunto para mellorar o ensino público”, indicaron.

Visita ao mercado municipal de Cee

bng-visita-mercado-cee
Visita ao mercado municipal de Cee

Xosé Luís Rivas “Mini”, Oscar Insua, Serxio Domínguez e outros compañeiros do BNG de distintas localidades comarcais estiveron onte pola mañá no mercado municipal de Cee onte explicaron as propostas e o programa electoral do BNG para as eleccións do próximo domingo.

Museo Man de Camelle 

E xa pola tarde, os candidatos Oscar Insua e Primitivo Pedrosa, que estiveron acompañados pola responsable local do BNG de Camariñas, Ana Pasantes; e o responsable comarcal do BNG e voceiro nacionalista na Corporación de Camariñas, Xurxo Rodríguez; mantiveron un encontro aberto no museo Man de Camelle. 

Comentarios