Venres. 03.05.2024
El tiempo

A moción que Boca de Sapo presenta no Concello de Corcubión polo 25N

Pleno de Corcubion estreando o mural feito polo 25N polo CEIP Praia de Quenxe
Pleno de Corcubión estreando o mural feito co gallo 25N polo CEIP Praia de Quenxe
A moción que Boca de Sapo presenta no Concello de Corcubión polo 25N

A comunidade Ecosocial Boca de Sapo vén de presentar, por vía de urxencia e a través da única muller concelleira no pleno, María Bella do grupo municipal do BNG de Corcubión, unha moción con motivo do 25N. Un escrito que leva por título “Por unha ética do amor fronte a violencia”, baseada nos pensamentos de Bell Hooks coa que queren “pór en valor o dereito a ser libres, a vivir unha vida plena e fermosa frente ao xugo patriarcal das institucións e sociedade.”

Co texto solicitan:
- 1.- Promover dende as institucións, e desde o lugar que se ocupa nelas, visións e xestións xenerosas e desinteresadas que repercutan positivamente no ben vivir da comunidade.
- 2.- Introducir nos criterios de toma de decisións os principios de coidado, compromiso, confianza, responsabilidade, respecto e coñecemento.
- 3.- Velar porque o éxito dunhas persoas non estea construido en base á venda, destrución ou explotación das outras.
- 4.- Preservar o que é fermoso na natureza e na cultura, e fomentar a súa transmisión á cidadanía do futuro.

Este é o texto íntegro, que cremos de interese:

Por unha ética do amor fronte á violencia.

Decidimos hoxe acompañarnos do pensamento de bell hooks, e seguindo o seu ronsel e a súa palabra, dicimos con ela que a mirada patriarcal asolaga a inmensa maioría das decisión e actuación das nosas vidas. Os homes e mulleres que non se consideran vítimas do poder patriarcal non se toman en serio a necesidade de desafialo e loitar contra el, mais sempre é posible cambiar de enfoque.

Son moitas as persoas que sofren o xugo das institucións patriarcais e, en particular, da dominación masculina. A maioría das tomas de decisións que nos afectan son tomadas por individuos que teñen interese en perpetuar o patriarcado; para eles o feito de propor representacións da realidade que reflictan os seus valores e os das institucións sociais que queren preservar non é máis que un investimento. O patriarcado, como todo sistema de dominación (o racismo é outro exemplo), baséase no principio —e así se socializa— de que en toda relación entre os seres humanos hai un superior e un inferior, un forte e un débil, e que, por tanto, é natural que os poderosos dominen os desamparados. Para os defensores do pensamento patriarcal, calquera forma de manter o poder é aceptable. É obvio que os que aprenderon a pensar desta maneira estarán máis inclinados a responder as escenas de malos tratos e violencia que ás de coidado e amor.

O movemento feminista fixo posible moitos cambios, contribuíu coas súas críticas e acción a mudar esta forma de pensar, á vez que ofreceu a mulleres e homes a oportunidade de vivir unha vida máis satisfactoria, máis digna. Pero para quen está en situación de dominio hexemónico, para os que detentan o poder, os poderes, o pensamento patriarcal segue sendo a norma. Agora ben, isto non implica que non teñamos dereito a pedir que cambie este estado de cousas.

Só podemos volver atopar o amor se nos liberamos da obsesión polo poder e o dominio sobre os demais. Unha ética do amor presupón que todos e todas temos dereito a ser libres, a vivir unha vida plena e fermosa. Para que sexa posible aplicala a todas as dimensións da vida, a sociedade na que vivimos debe tomar o camiño do cambio. Tanto nas grandes eleccións como nas inclinacións máis triviais, debemos guiarnos pola convicción de que todas as decisións, xa sexan públicas ou privadas, deben basearse na honestidade, a claridade e a integridade persoal.

Para que o amor e non a violencia se convirtan nun fenómeno social, e non nunha manifestación marxinal e netamente individual, é necesario introducir cambios importantes e radicais na nosa estrutura social. Para comezar a xerar eses cambios propóñense accións de compromiso que non implican investimentos económicos nin de infraestruturas senón de cambio de mirada.

Máis novas

Comentarios