Un campamento viquingo na Costa?
- Nova recuperada publicada en outubro de 2010
Ata o día de hoxe non se atoparon vestixios de campamentos normandos ou viquingos en ningún lugar da península, malia que a súa presencia ao longo de todo o litoral está máis que probada. Que faríamos na Costa se se atopase un deses campamentos?
Nas inmediacións do Cabo C, Cabo Cee, ou Cabo Cé, como aparece en algunha carta náutica do século XVIII, podemos atopar unha elevación do terreo de forma circular, que ben podería ser un destes campamentos. Trataríase dun achádego de enorme importancia.
Así o apuntan un investigador da bisbarra e un catedrático da USC, que xa pasaron pola zona. Malia non encontrar probas finalistas, si apuntan que "hai evidencias suficientes para crelo". Atoparon tamén, entre profunda matogueira, unha peza cerámica que está a ser estudiada e que pode dar pistas.
A situación do enclave é privilexiada para un campamento, cunha visión ampla de todo o sur da ría de Corcubión. A forma circular da elevación, como vemos na imaxe, extraída do Catálogo GIS de Corcibión, era a forma típica destes campamentos, que contaban cun alto muro de pedra. No seu interior os solares formaríannos chozas de madeira. Entre as posibles cousas que se poden atopar, son destacables as grandespedras escritas polas dúas caras. Sobre estas, os historiadores sinalan que os normandos escribían a base de raias, que en función da cantidade significarían unhas cousas ou outras.
Informe de Patrimonio
Para a catalogación do campamento sería necesario que a Xunta participase directamente nun proceso de investigación. Así, a través dunha denuncia particular ou colectiva, Patrimonio podería abrir un informe, a través do cal, logo dos pertinentes traballos arqueolóxicos, catalogaríase ou non.
Que faríamos con el?
Sería algo positivo para a bisbarra? A Costa deberá reflexionar sobre o que suporía contar cun dos achádegos máis importantes dos últimos tempos en materia arqueolóxica. Hai quen pensa que o deberiamos que recuperar por riba de calque interese económico ou político e o certo é que podería dar moito máis que calquera outra infraestrutura industrial.
Porque hai que lembrar que os terreos están afectados pola construción dunha piscifactoría, xa aprobada e que non contou con apenas rexeitamento na poboación corcubionesa. Os terreos coinciden totalmente. Que crearía máis riqueza?
Esta é pregunta que nos poderíamos facer non só para este caso senón para outras moitas actuacións que se van facer na bisbarra.
Castro no Cabo da Nasa
E de achádegos arqueolóxicos, en Corcubión hai varios castros, dos que só o de Quenxe está catalogado. De tódolos xeitos, en varias cartografías antigas xa aparecía a presencia de "O Castro" na zona do Cabo da Nasa, moi preto do Cabo C.
Este está perfectamente documentado, e se poden adiviñar os muros circulares (soían ter 2 ou 3 muros de defensa). Ademais quedou hai varios anos nú tras un incendio na zona, e se puideron comprobar as formas das murallas. Agora crece xusto antes un novo monte de piñeiros.
Sistema GIS de Corcubión
Un bo xeito de achegarnos áo lugar é a través do Catálogo GIS de Corcubión, recentemente mellorado pola empresa Sixtema.
Poden acceder a el a través dun banner que hai na parte de abaixo á esquerda dentro da páxina do concello de Corcubión: corcubion.info. Poden facer o propio pinchando nesta ligazón, que nos levará directamente ao suposto campamento viquingo do Cabo C.