O Concello de Corcubión asegura que xa ten realizado os trámites que pide o Consorcio para o Centro de Día

O edificio do Asilo de Corcubión leva máis dunha década esperando o Centro de Día

Nova volta de torca á pelexa institucional mentres a veciñanza segue agardando polo Centro de Día de Corcubión. Hai apenas 15 días o Consorcio Galego de Benetar aseguráballe á Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión que faltaba un papel, que o Concello nunca, dende a reforma realizada pola Deputación aló por 2011, enviara a solicitude formal para a apertura dun centro de día no edificio do Asilo.

Onte, o alcalde de Corcubión convocaba a toda a veciñanza (acto que terá lugar o venres 4 de abril ás 19 horas na Capela do Pilar contígua ao propio edificio), ao descubrir que ese papel si que foi tramitado en 2013.

O grupo de goberno considera que o argumento que lle deu o Consorcio á Plataforma é “unha excusa de mal pagador”, e que o Concello ten realizado todos os trámites esixidos, tendo, dende fai anos, a Xunta a pelota no seu tellado.

”Hai exactamente 12 anos que a Consellería de Política Social resolveu conceder a autorización administrativa para crear o Centro de Día, polo que o famoso procedemento BS103D está tramitado e resolto”, explican dende o Concello corcubionés. “Descoñecemos o motivo polo que o Consorcio Galego trasladaron á plataforma “Xuntos polo Centro de Día” que estaba sen presentar e tramitar, dando a entender que o concello tiña os deberes sen facer, cousa que e totalmente falsa”.

O rexedor de Corcubión, Xabier Domínguez, manifestou que “imos a explicar o que fixemos, cal é a situación actual, despois de máis de dez anos co centro construído e tamén darlle voz á veciñanza; seguiremos traballando para que o Centro de Día sexa xestionado polo Consorcio e a Xunta de Galiza, temos dereito a elo, por que hai un agravio comparativo con outras comarcas nas que sí se xestionan centros".

Xestión pública

Se ben a Xunta abría a man unicamente á xestión a través dunha entidade social, tanto Concello como Plataforma apostan pola xestión pública. “Apostamos por unha xestión plenamente pública e non compramos o relato da Xunta nin do Consorcio”, explican dende a Plataforma, dende onde si lamentan a “falta de interese” duns e outros por avanzar na xestión do Centro en todos estes anos. “Tiveron que abrilo durante todos estes anos de xestión e reivindicación inexistente, aproveitándose o peche coa única finalidade de vitimización e reivindicación electoral duns e outros”, lamenta Vicente Jesús Bernal.

Dende o Concello aseguran que van loitar a xestión directa por parte da Xunta, pero tamén afirman que están formulando alternativas para facer realidade un proxecto absolutamente necesario, e ao tempo xa insuficiente, pois o centro contaría con 25 prazas, cando a día de hoxe xa hai máis de 160 persoas susceptibles de ser usuarias do servizo.

Histórico do Centro de Día