mércores. 11.12.2024
El tiempo

"Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes"

O deputado do BNG Oscar Insua no Parlamento
"Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes"

Segue a ser o envellecemento poboacional (o 32% da poboación é maior de 65 anos),  e a falta de recursos para os coidados dos nosos maiores, un dos meirandes problemas estruturais cos que se enfronta a sociedade da Costa da Morte e boa parte de Galicia. A carencia de Centros de Día e Residencias públicas na Costa da Morte é patente, pois apenas contamos con dous centros de día, un en Cabana e outro en Muros, e unha residencia, en Carballo, con 26 prazas... Dende o BNG lembran que "segundo os estándares internacionais, deberamos ter un número de prazas residencias do 5% dos maiores de 65, o que vén sendo, 670 prazas en toda a Costa da Morte".

Ante esta situación, o deputado da Costa da Morte, Oscar Insua volveu levar o asunto ao Parlamento, preguntando se a Xunta ten previsto construír centros de día na Costa da Morte no ano 2025 para "solucionar definitivamente os problemas dos grandes dependentes". Puxo de exemplo da falta de compromiso da Xunta o edificio xa construído e acondicionado en Corcubión e que estaría preparado para albergar 22 prazas, pero que a Xunta leva 10 anos sen afrontar.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, limitouse a enumerar as casas do Maior que xa hai na comarca para xustificar que están a solucionar o problema. Unhas infraestruturas importantes, pero a todas lluces insuficientes, pois apenas poden acoller 5 persoas cada unha.

Insua acusouna de “maltratar” e “condenar” as persoas que precisen dun centro de día, a quedar nas súas casas, un “castigo” que conta co visto bo dos políticos do PP da comarca, que -acusou- calan coma Xudas”. “Vexo que vostede non me respondeu. Que facemos coas persoas de grao 2 e grao 3 que non poden ir a esas grandes casas do maior que di vostede? As condena a quedarse na casa coidadas polos seus familiares?”

Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes que non teñen onde ir, e unha forma de maltrato ás familias desesperadas que sofren porque non teñen onde levar a seus tíos, avós ou pais, e fan piruetas para conciliar a súa vida laboral e familiar”, lamentou.

Máis novas

“Teñen vostedes a oportunidade de abrir o centro de Corcubión e de crear outro novo. Está nas súas mans acabar co maltrato aos dependentes da miña comarca. Asuma que goberna e busque os cartos onde sexa, é a súa responsabilidade, e se se sinte incapaz, marche e déixelle o sitio a outra persoa”, instou.

Comentarios