O PP recoñece no Parlamento que “non vai ser posible que o vindeiro ano estean en execución as obras" do porto mixto de Corcubión
Visitaba Corcubión onte o Conselleiro de Mar para sementar a ría de vivalbos, mentres no Parlamento se falaba do porto mixto. A Consellería terá que explicar a vindeira semana á Plataforma Porto Si, Mortos Non, a situación de parálise, durante máis dun ano, do proxecto.
Onte era o BNG o que pedía na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo unha Proposición Non de Lei para realizar o trámite de avaliación de impacto ambiental do proxecto á maior brevidade posible, así como os trámites necesarios e incluír nos orzamentos do vindeiro ano unha partida con dotación suficiente para licitar e iniciar a execución das obras do Porto Mixto de Corcubión no ano 2025.
Insua lembrou que van xa 30 anos de reclamacións, e que cada inverno “van ás pedras uns dous ou tres embarcacións”. Criticou a ridícula partida que ten o proxecto nos orzamentos de 2024 e lembrou que pode ser un aliciente turístico.
Con toto, a proposición non saíu adiante polos votos en contra do PP, que defendiu a tramitación “escrupulosa coas garantías ambientais e o rigor técnico” que a Xunta está a facer do proxecto de construción do porto mixto de Corcubión. Manuel Santos recoñeceu o retraso porque a tramitación ambiental “non se puido levar adiante de forma simplificada”. “A día de hoxe, Portos de Galicia está a traballar na elaboración do estudo de impacto ambiental, que posteriormente deberá someterse a información pública e a unha análise técnica polo órgano ambiental da Xunta de Galicia para a formulación da declaración de impacto ambiental”, explicou Manuel Santos. A continuación, o proxecto requirirá a súa aprobación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, un trámite preceptivo e vinculante tanto para as tramitacións ordinarias como simplificadas”.
“Hai que ser realistas e coherentes e ter presente o tempo que leva unha tramitación ambiental deste tipo, polo que non vai ser posible que o vindeiro ano estean en execución as obras deste porto mixto”, sentenciou.
Tamén lembrou que a proposta finalmente escollida para o porto mixto de Corcubión inclúe un dique de abrigo de 282 metros en dúas aliñacións e a dotación dunha explanada, varadoiro e foso travel lift. En total, crearanse 194 prazas de amarre, cun orzamento total do proxecto de 10 millóns de euros, aproximadamente.
Máis novas
- Maio 24: O Informe Ambiental xera dúbidas sobre un posible retraso no Porto Mixto de Corcubión.
- Novembro 2023: O mar de Corcubión, pendente dos posibles retrasos do porto mixto.
- Novembro 23: O enésimo barco ás pedras de Santa Isabel.
- Marzo 23: Escollida a alternativa máis viable para o porto mixto de Corcubión.
- Febreiro 23: Portos pon un horizonte de 4 anos para que o porto mixto de Corcubión poida ser unha realidade
- Xaneiro 23: Volven pedir a recuperación do práctico e o porto mixto de Corcubión.
- Decembro 22: A Xunta sobre o Porto Mixto de Corcubión: “Vai para largo”.
- Decembro 22: A Plataforma apartidista “Portos Si, Mortos Non” acentúa a súa loita polo porto mixto de Corcubión.
- Novembro 22: Outro barco ás pedras de Santa Isabel.
- Outubro 22: Crean a Plataforma "Porto si, Mortos non" para esixir o porto mixto de Corcubión