Corcubión volve convertirse no centro do pensamento


Volve a Costa da Morte a convertirse no epicentro da filosofía galega. Xa o foi durante o 2011 ou dende o nacemento destes Encontros aló polo 2009. Estes vindeiros 22 e 23 de marzo, da man da primavera, volven a Corcubión os IV Encontros de Filosofía na Costa da Morte, que este ano coorganiza Axóuxere Editora coa Universidade Cromática das Virtudes.
Uns Encontros que teñen un título interesante: "Cantar claro arredor das sabedorías da lingua común" e que virará arredor das virtudes dunha práctica popular cara á que nin o poeta nin o filósofo poderían (ou deberían) ser indiferentes. Un saber da humanidade que non ten equivalencia; aquilo que dalgún xeito se soubo e en ocasións esqueceuse simplemente por motivos prácticos, pero que en calquera caso, non se reduciu aínda a realidade e está aí.
Serán diferentes "Parladoiros" na Capela do Pilar, presentados por membros da UCV local como Roberto Abuín, Senén Insua, Javier Turnes e Serxio Cernadas, no que participarán persoeiros como Almudena Otero, Rebeca Bcedeiro, Javier Gómez, Márcio André, Juan Carlos Meana, Ania González, Ignacio Castro, Carlos Quiroga, Carlos Lema, Anxo Rabuñal, Miguel Vázquez Freire, Pablo Seoane ou Encarna Rodríguez.
Viaxarán de Mairena a Weil ou Lispector, de Nietzsche a Novoneyra, de Heráclito a Eckhart... Aí é nada o nivel.
Pero ademais, haberá tempo para a música, e a noite do venres será da man de Koroiev coa súa electrónica ambiental, mentres que a noite do sábado quedará para os poemas musicados con Neno Escuro e Ania González, ao ritmo da voz de Estevo Creus e o piano de Pablo Seoane.
Máis información

Novas relacionadas
- III Encontros: A música e a filosofía fundíronse coa paisaxe da Costa da Morte.
- III Encontros: A Costa da Morte volve situarse na vangarda do pensamento coa filosofía e a música.
- II Encontros de Filosofía da Costa da Morte: A UCV coloca de novo á Costa á vangarda da filosofía .
- I Encontros de Filosofía da Costa da Morte: CODA: A Costa actúa pensando .
Máis novas
- A Escapardura de Javi Turnes en QPC publícase en papel.
- Históricas Xornadas “De Castros a Castelos” este verán en Carnota.