Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Corcubión volve dirimirse sobre a urbanización ou a rehabilitación en verde da parcela de Quenxe

Corcubión volve dirimirse sobre a urbanización ou a rehabilitación en verde da parcela de Quenxe

Hai máis de 10 anos que Corcubión ten pendente que facer na contorna de Quenxe. En 2013 unha nova urbanización ameazaba a parcela situada xusto enriba do areal urbano, pero as alegacións do BNG e as circunstancias evitaron que saíse adiante o proxecto urbanístico.

O BNG xa prometera en 2011 que destinaría as parcelas de Quenxe a zonas verdes, e así leva traballando agora dende 2020, realizando diferentes iniciativas no Congreso dos Deputados para lograr que a SAREB (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, chamado “o banco malo público”), ceda gratuitamente os terreos da parcela con referencia catastral 4542808MH8544S0001FI ao Concello para destinalo ao uso da veciñanza. De feito, a moción foi aprobada por toda a corporación, a excepción dun concelleiro de Sempre Corcubión.

nota de prensa BNG- O psoe negocia ás agochadas urbanizar todo Quenxe copia
Néstor Rego e Lois Lado detrás da parcela, na visita realizada polo Deputado no 2020

Porén, no marco das negociacións, e segundo informa o BNG, “o Goberno do Estado trasladoulle ao BNG que leva negociando dende novembro do 2022, co goberno de Corcubión para desenvolver un proxecto consensuado e modificar o planeamento vixente, co obxectivo de edificar en todo o entorno de Quenxe a cambio de ceder as ruínas das fábricas de salazón, de interese patrimonial”.

Unha negociación que para o BNG é unha “auténtica traizón do alcalde e a súa equipa de goberno á corporación municipal e a todo o pobo”. “A catro meses das eleccións municipais queren converterse en especuladores do ladrillo aumentado a urbanización de Quenxe e afogar o entorno de toda a praia con máis edificacións”, denuncian ao tempo que piden ao alcalde que se explique. “Ou o alcalde non ten peso ningún no seu partido para esixirlles que nos cedan a parcela de forma gratuíta, ou está a facer negociacións espurias cos do ladrillo. Por que calou e non dixo nada nas últimas comisións e reunións? Acaso ten algo que esconder?”, pregúntase o voceiro Lois Lado.

Por último, o concelleiro engadiu que “Non pararemos ata conseguir que a SAREB ceda toda a parcela de balde para que os corcubioneses poidamos ter unha zona verde e de ocio, libre de máis vivendas e edificios. Xa está ben de que os bancos sigan gañando cartos e cartos a conta de todos nós, e hora de que devolvan, dalgún xeito, os cartos do rescate bancario”.

Novas relacionadas

Comentarios