O Estado declara inocente a Plácico Castro Del Río 83 anos despois

Importante nova de xustiza democrática a que vén de protagonizar o goberno socialista do estado. O Ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, vén de ditar unha resolución pola que se declara “ilegal e ilexítimo” o tribunal que xulgou a Plácido Castro Del Río, declarando igualmente “ilexítima e nula” a condena que lle fora imposta en 1940 polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, segundo sentencia 13/940: 15 anos de inhabilitación absoluta, 8 anos e un dia de desterro a máis de 100 km de Muxía e 25.000 pesetas de multa.
Queda así expedida a favor do lustre galeguista corcubionés (repasabamos a súa historia como un dos 3 persoeiros máis importantes de Corcubión no marco da Elección Histórica da Costa da Morte), a Declaración de Recoñecemento e de Reparación Persoal, ao abeiro da lei de Memoria democrática.
Dende o PSOE corcubionés explican que “o citado proceso fora instado pola Fundación Plácido Castro meses atrás co propósito de obter a reparación moral e a recuperación da dignificación da súa memoria persoal e familiar”.
Así, a familia do intelectual galeguista, comezando pola propia presidenta da Fundación Plácido Castro, Susi Castro, celebrou con emoción a noticia que “por fin, fai xustiza” a quen fora condenado no seu día por motivos exclusivamente políticos.
O director da Fundación, Xulio Ríos, salientou que esta declaración foi posible “con este goberno en España”, salientando tamén a importancia de poñer fin ás consecuencias da ditadura fascista tamén a través de mecanismos simbólicos e reparadores como este que son expresión dun proceso necesario de normalización democrática.
Documental
Este é un documental feito pola Fundación Plácido Castro sobre a súa biografía:
Novas relacionadas
- Vicente Jesús Bernal: Plácido Castro Rivas, historia da puxanza económica de Corcubión.
- 2021: Manuel Gago fiou a historia do Camiño con Galicia na conferencia do Premio Plácido Castro.
- Recuperando o legado do galeguista Plácido Castro del Río cun documental.