Filosofía, fotografia e baile encherán aínda máis Corcubión

Menudo foco cultural no que se convirte Corcubión esta fin de semana. O solapamento de actividades non impide que toda a zona poida achegarse a disfrutar dalgo máis que unha verbena. Se onte dabamos conta de tres citas: un concerto de rap, unha exposición de fotos do Prestige e unha charla histórica, hoxe traemos outras tres: a presentación dunha revista ensaística, unha cita co Baile e outra exposición.
Imos repasando por partes:
Presentación dun novo número da revista Thaumazein

Este venres 12 de xullo, a Capela do Pilar acolle ás 20:30h a presentación do V número da revista "Thaumazein, Variacións ensaísticas dende a Costa da Morte".
Preséntase nesta publicación o soño dunha pequena asociación cultural, a Universidade Cromática. Un grupo de xentes calquera, procedentes de diversos lugares da Costa da Morte, que comparten a inquedanza polo pensamento, pola relfexión filosófica, polas artes e, en definitiva, unha ollada reflexiva dirixida á realidade que os rodea.
"Non se trata de facer pensamento da Costa da Morta senón dende a Costa da Morte pois a revista Thaumazein fálalle ao mundo dende aquí e agora pero trascendendo lugares e ideoloxías". É este un proxecto que quere ofrecer un espazo aberto para á reflexión dende o noso entorno, un lugar onde plasmar a fala dos que teñen algo que dicir:
- Obxectivo primeiro: Ofrecer un lugar de publicación para autores consolidados pero sobre todo aos mozos e mozas da Costa da Morte.
- Obxectivo segundo: Converterse nun referente da difusión cultural na costa.
- Obxectivo terceiro: Viabilidade económica dende o aforro e a humildade.
- Obxectivo cuarto: A lingua galega será a lingua predominante na revista, sen embargo, tendo en conta a natureza dos colaborades, moitos de fora de Galicia, a língua non será un aspecto restrictivo.
- Obxectivo quinto: Ampliar o número de colaboradores progresivamente acadando unha ampla panopla que enriqueza o proxecto.
- Obxectivo sexto: Crear unha rede de pensadores e artistas da Costa da Morte.
- Obxectivo sétimo: Fortalecer a rede de voluntarios que traballan no proxecto da revista.

Poderán facerse cun exemplar na presentación ou nos seguintes espazos: No Concello de Cee, na Tenda dos Libros de Ponteceso, a Librería Bolboreta de Camariñas, na Librería Torre Penedo de Laxe, no Bar O'Porto de Muxía, na Librería Ler de Cee. no Bar A Gavilla de Corcubión, no Bar A Galería de Fisterra, no OviovaR do Ézaro, no Riba da Cheda Lariño. Tamén dispoñible na Coruña na Librería Xiada e en Santiago de Compostela na Librería Couceiro.
Baile no Carme de Corcubión
Este sábado 13, ás 20:30 horas, e dentro da programación das festas da Virxe do Carme de Corcubión, terá lugar, no Campo do Rollo, un festival de baile galego, no que participará o grupo de baile Xaldón, de Corcubión, e o grupo de baile Terra de Sena, e contará con máis de 40 bailaríns.
O festival está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Nerio, e colaboran o Concello de Corcubión, o hotel-restaurante As Hortensias e a taberna mariñeira O Ribeiro.
Exposición de fotos

O pintor gaditano e xa medio ceense Alfonso Areas presenta, coa colaboración do Concello de Corcubión, unha moi suxerente mostra artística colectiva baixo o lema "A Cidade e vos Barcos".
O vindeiro venres 12 de xullo terá lugar a inauguración da exposición "A Cidade e vos Barcos" no centro de exposicións ou Cárcere Vello de Corcubión ás 20.00 horas.
Trátase dunha mostra pictórica de 28 artistas de diferentes procedencias; dentro do estado español: Cádiz, Málaga, Madrid, León, Pontevedra.. , e do estranxeiro: Italia , Méjico, Arxentina, Italia, Xapón... e todos eles cunha ampla traxectoria artística.
O tema da exposición fai referencia á relación entre a cidade e os barcos, indo desde a linguaxe tradicional figurativo ata a abstracción e co emprego de diferentes técnicas: collage, fotografía, óleo, acrílicos, gravado... É, xa que logo, unha exposición moi variada pero dentro duns parámetros de calidade artística. Esta mostra percorreu xa moitas travesías, como non podía ser doutro xeito sempre cidades con marcada presenza mariña: Cádiz, Málaga, Barcelona, Marbella , Illa de León (San Fernando), Ceuta, Cartagena, chegando agora a Galicia, a Corcubión, como primeira etapa do periplo galego e non podía ser mais oportuno este lugar, Corcubión, que o mar define e arrola.
Novas relacionadas
- Corcubión énchese con rap, fotos do Prestige e unha charla histórica.
- Conta atrás para o Mercado Medieval Costa da Morte de Corcubión.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).