Investigan se a planeadora que apareceu varada en Corcubión ten relación co alixo de 3TN de cocaína realizado esta noite na Mariña
Segue varada na boleira do Cabo C, escoltada pola Policía Nacional, a planeadora que aparecía esta fin de semana nas rochas de Corcubión. Unha circunstancia que volve poñer de manifesto que a historia do narcotráfico na Costa da Morte non rematou.
O asunto vén salpicado pola descuberta, esta pasada noite, dun alixo de ata 3 toneladas de cocaína nun mercante no mar da Mariña, mentres as forzas de seguridade estudan a posible relación entre ambos fitos.
Operación Bocanegra
Diferentes imaxes da Operación Bocanegra
O alixo foi atopado nunha operación levada a cabo Axentes da Garda Civil e de Policía Nacional e xunto con funcionarios de Vixilancia Aduanera da Axencia Tributaria, e a colaboración da Armada Española. Un buque da Armada, o Serviola, interviu 3.000kg de cocaína a bordo dun mercante a altura de Ribadeo, que tiña previsto transbordar a droga a outras embarcacións menores ao seu paso polas costas galegas para, unha vez en terra, ser distribuída por diferentes países europeos.
A investigación remóntase ao mes de maio do pasado ano, a raíz dunhas escoitas dunha banda da Comarca do Salnés, da provincia de Pontevedra, que puxeron no punto de mira o buque de nome NEHIR, de 52 metros de eslora e bandeira da República de Palau. As malas condicións meteorolóxixas destes días impedían facer o trasbordo polo que as forzas de seguridade decidiron interceptar a nave en plena travesía.
Ante o asalto do buque por parte do GEO da Policía Nacional, os tripulantes abriron unha vía de auga para afundilo e así eliminar todas as probas posibles. Pero a rápida intervención permitiu rescatar, antes do afundimento, a cocaína e aos 9 tripulantes (de nacionalidades georgiana e turca). O buque da Armada chegou esta pasada madrugada ao porto de Ferrol.