Mércores. 16.10.2024
El tiempo

Juan Díaz Fernández, o mestre que dará nome ao CEIP de Corcubión

Juan Diaz Fernandez mestre historico de Corcubion
Juan Díaz Fernández, mestre histórico de Corcubión
Juan Díaz Fernández, o mestre que dará nome ao CEIP de Corcubión

O último Pleno ordinario do Concello de Corcubión aprobou unha moción do BNG para cambiarlle o nome ao CEIP Praia de Quenxe polo de "CEIP Juan Díaz Fernandez". O cambio de nome queda agora so a expensas da decisión do Consello Escolar.

Hoxe queremos compartir esta reseña que o grupo nacionalista presentou na moción, para coñecer a vida deste mestre exemplar, baseada entre outros nos escritos dos historiadores Luis Lamela e Xesús Torres Regueiro.

Juan Díaz Fernández

O mestre D. Juan Díaz Fernández naceu en Betanzos un 29 xaneiro de 1854. Casou ca tamén betanceira Carmen Novo Vives, filla dun comerciante local adicado ós tecidos e panos. O matrimonio tivo varios fillos, un deles, Antonio Díaz Novo, foi un gran impulsor societario da emigración do Partido Xudicial de Corcubión en Bos Aires: o primeiro presidente da sociedade fundada o 26 de Agosto de 1922 da “Asociación Benéfica Cultural Hijos del Partido de Corcubión” (A.B.C.), fundador e director do seu órgano de expresión “Alborada”.

D. Juan Díaz Fernández exerceu o maxisterio en Neda e en Corcubión. Nesta vila botou uns 50 anos. Xubilouse no ano 1924, despois de 34 anos de servizo na escola de nenos de Corcubión. Con motivo da súa xubilación, a Asociación Benéfica Cultural de Corcubión (A.B.C.) en Bos Aires rendíulle unha homenaxe outorgándolle unha Medalla de Ouro en recoñecemento do seu labor docente, preocupación pola nosa cultura, historia, costumes e pola súa adicación na construción das escolas de Suarriba (Fisterra), Estorde (Cee), Nemiña (Muxía) e Pasarela (Vimianzo), financiadas coas doazóns da asociación A.B.C. do Partido Xudicial de Corcubión en Arxentina. A Costa da Morte conta con 8 das 317 escolas de indianos construídas en Galicia (as 4 citadas erguidas polo ABC, ademais dos Instituto Fernando Blanco e Escola das Nenas (actual Museo Fernando Blanco) de Cee e o Colexio José Carrera de Corcubión (actual Casa do Concello) e a antiga escola de Sardiñeiro (actual CEIP Areouta) levantada polos Fillos da Parroquia de San Xoan de Sardiñeiro en Bos Aires. Este foi o resultado do esforzo dos que se viron na obriga de deixar a súa terra e que non esqueceron as súas raíces.

D. Juan Día Fernández foi o encargado de mercar os terreos e da construción das catro escolas da Costa da Morte. Anos despois da súa xubilación déuselle o nome de D. Juan Díaz Fernández á escola de Suarriba (Fisterra). A Costa da Morte non podía aspirar a mellor embaixador na xestión e construción das escolas proxectadas dende Arxentina.

O Ministerio de Instrución Pública (actual Ministerio de Educación) outorgoulle o título de MESTRE EXEMPLAR.

No ano 1897 a “Dirección General de la Enseñanza” concedeulle a Cruz de Isabel la Católica. Non debía ser moi amigo de honores, pois declinouna deixando prescribir o prazo. Don Juan Díaz foi para a Administración un funcionario modelo, xa que “nunca estuvo sujeto a ningún expediente gubernativo, ni fue amonestado por las autoridades locales ni provinciales…, nunca ha pedido ni disfrutado licencia alguna en su larga carrera profesional…”

Xa xubilado foi cofundador da Escola de Orientación Marítima do Pósito de Pescadores de Corcubión, escola que dirixiu de xeito altruísta durante varios anos.

Don Juan Díaz, un home con uns principios tan sólidos que sempre se enfrontou ós atrancos que a vida lle foi colocando, que foron moitos. Sobreviviu con dignidade á brutal represión naquelas datas de tristura nas que as cousas deixaron de ter sentido. Retallo de Datas de tristura na que se fai referencia ao mestre D. Juan Díaz Fernández:

“Aos amigos de don Pepe Miñones que se salvaron destas salvajadas, acribìllanos a multas, e agora, a muitos deles, estanlles embargando os bens. Figuran entre os máis perseguidos: o procurador don Xoaquín Fernández, o abogado don Xan Bugeiro, os comerciantes señores Segundo Rey e Antonio Teixeira, así como tamén Ricardo Xoubanova, a dona do café Basilio, o mestre xubilado don Xan Díaz, médicos don Xan Espáris e don Manoel Pardiñas e outros máis que non recordo”.

Nos seus últimos anos ficou totalmente cego, resultado dun longo proceso de doenza na vista.

O seu pasamento acaeceu en Corcubión, o 9 de xuño de 1940, ós 86 anos.

Artigos relacionados

Comentarios