Venres. 19.04.2024
El tiempo

Leo Bassi e Pallasos en Rebeldía rompen o muro da desinformación en Corcubión

Leo Bassi e Pallasos en Rebeldía rompen o muro da desinformación en Corcubión

Primeiro cheo na historia da Casa da Cultura de Corcubión para acoller a 2ª Gala Solidaria con Palestina na Costa da Morte. Tralo rotundo éxito do ano pasado, a cita deste 2012, organizada polo colectivo COSAL Costa da Morte e Pallasos en Rebeldía, non puido saír mellor. I é que a risa é o mellor xeito de achegar realidades incómodas á veciñanza.

Unhas risas aquí na Costa da Morte que ademais farán que se pare o mundo por unha semana aló, en Palestina. Pois os máis de 2.000€ recadados servirán para organizar o 2ª Festiclown en Palestina, que intentará "transformar a carraxe en ilusión, a través da risa".

O muro da desinformación

Toda a gala rondou arredor do Muro da Desinformación (facendo un paralelismo co muro da vergonza que separa o territorio israelí do palestino), simbolizado por varios muros de papel de periódico que houbo que romper enriba do escenario, pero tamén á saída, xa que as portas estaban cubertas por muros de papel que os case 400 asistentes chegados de toda a xeografía galega tiveron que rompelo ao rematar a Gala.

I é que a información sobre o conflito de Israel e Palestina está moi condicionado a nivel mundial, e a nivel local. De aí a importancia desta clase de galas, nas que a base de gargalladas se chega ao corazón da poboación mundial.

Un maxistral condutor

Impresionante o vigués Avelino González, unha das caras máis coñecidas do teatro e da televisión galega. Fixo de condutor da gala, facendo referencias comprometidísimas ca causa, e outras xeniais referidas á Costa da Morte, demostrando as táboas dun verdadeiro figura da interpretación. Comezou comparando o conflito israelí-palestino con un Fisterra-Corcubión en Ara Solis, "pero o problema alí é que non sabemos quen xoga na casa". E tivo tempo Avelino para chamar, simpatiquísimamente, "koreanos" aos membros de Talía, pero tamén se puxo serio para contar o conto dos 3 porquiños en versión bíblica.
De feito a Biblia fi unha das protagonistas e a lectura do pobo xudeo do texto foi tamén o fío da tan magnífica como real actuación de Leo Bassi, e ambos tamén coindiciron en "loubar" a actitude do alcalde de Santiago, Conde Roa, ou "Conde Drácula", como o propio Bassi o acuñou, trala súa censura.

Un repaso bíblico á historia de Moisés con Leo Bassi

Non foio Leo Bassi escatolóxico que moitos agardaban. O seu discurso, político e comprometido por igual, consistiu en facer, como dicimos, unha lectura da Biblia. E faltou á verdade nin un só momento, deixando que a ironía fose a protagonista. Ou a Moisés máis ben.
Porque alí nos mandou, ao deserto do Sinaí, con Moisés percorrendo durante 40 anos as dunas do deserto co pobo xudeo, incansable, detrás. "Pero non te estarás equivocando, Moisés?", preguntábanlle os xudeos. Ata que apareceu Deus, e lles outorgou unha terra, pero unha terra que xa estaba ocupada.

Unha historia con milleiros de anos de existencia, pero que a día de hoxe aínda é utilizada como argumento para abasallar un pobo, para roubar unha terra, para ocupar as casas de outros.

Unha de malabares de rebote

Pero a gala trouxo moito máis, e de calidade. E por algo é unha das referencias mundiais nos malabares de rebote. Roi Sixto amosou algo nunca visto na zona, facendo rebotar os malabares nunhas rampiñas de xeito espectacular. Sixto fixo que o ateigado auditorio pasase de "tribunal" a un público entregadísimo, e rematou facendo malabares de rebote con ata 6 pelotas...

Unha de lingua da casa

Non cansamos de velos. Os Artur Trillo, María Ordóñez e Toño Casais, ou Talía Teatro, tras recoller o premio María Casares, trouxeron os sketchs de Pelos na lingua, baseados en feitos reais, para demostrar que a loita pola lingua ten tamén moita sorna. Os "hay que desgracia que mi hijo habla gallego" foron deixados en ridículo a base dunha fermosa lingua con seseo e gheada.

Unha de danza moi expresiva

A compañía Cisma fixo que a gala se vestise cun áurea triste. Coa súa suavidade, os seus movementos a ras de chan, con bocas e ollos pechados, con corpos sen vida sendo recollidos...expresaron o sentir dun pobo asoballado.

A sanidade pública tamén tivo cabida

E que dicir dos tremendos Os 7 magníficos +1. Pedro Brandariz e Fran Rei xa son unha das grandes referencias do clown galego, e instalaron a súa consulta pública no escenario da Casa da Cultura corcubionesa para dar cita a un paciente... no 2035.

Agradecementos

Avelino foi o encargado de repartir os agradecementos. E o primeiro e máis importante foi para Mohamed Safa, verdadeiro promotor da gala. O activista palestino afincado na Costa da Morte dende hai máis de 30 anos, subíu ao estrado, algo máis nervioso do que soe estar, e deu a gracias a todo o público por "conseguir que me sinta un pouco máis galego, vendo que todos sodes xa un pouco máis palestinos".
Ademais foi o encargado de agradecer a colaboración do Concello de Corcubión, dos alcaldes asistentes (só a de Cee e o de Carnota se ben os de Vimianzo e Corcubión non puideron asistir), á xente de COSAL, e como non, aos Pallasos en Rebeldía, ás compañías e ao propio Leo.

Dende COSAL queren extender o agradecemento aos establecementos que fixeron posible os pinchos solidarios para invitar a cear a todas as compañías, que lembren traballan de balde nestas ocasión solidarias. Estes establecementos foron o Restaurante Praia de Quenxe de Corcubión, Carnicería Antelo de Corcubión, Panadería Silvia de Cee, Panadería Velay de Fisterra, o Bar O Club de Cee, a Pastelería Glaccé de Cee e As Viñas de Cee.

Agardemos que o vindeiro ano, a 3ª Gala Solidaria con Palestina na Costa da Morte sexa unha realidade, como instou o propio Safa.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas do COSAL

Fonte

Comentarios