Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Máis de 40 artistas participarán en Corcubión nunha segunda edición do Festival Artenauta

Festival Artenauta Corcubion 2021
Máis de 40 artistas participarán en Corcubión nunha segunda edición do Festival Artenauta

Pintura e serigrafía ao vivo, obradoiros, documentais, danza, música, escultura ao aire libre, pintura, fotografía, teatro, poesía e outras actividades daranse cita na segunda edición do Festival Artenauta. Tras irrumpir o ano pasado de cheo entre as iniciativas culturais de maior nivel de toda a bisbarra, o Festival das Artes da Costa da Mortel aséntase cunha programación completísima, adicando a súa edición ao mar, como elemento identitario das vilas da Costa da Morte, e como recurso natural esencial a coidar e protexer.

A cita, organizada por artistas e produtores culturais vencellados á vila de Corcubión, a través da Asociación Cultural Universidade Cromática das Virtudes, desenvolverase na vila de San Marcos esta fin de semana de 2, 3 4 de xullo, aínda que pode dicirse que comezou xa hai unhas semanas cunha serie de accións previas. Así o corrobora a acción poética con poetas da zona que percorreu algúns lugares telúricos da Costa da Morte e que xa se pode ver nas redes:

Do mesmo podemos dicir que xa se realizaron varias accións de limpeza nas praias en coordinación co colectivo Na Area, coas que o festival pretende visibilizar e concienciar coa arte sobre a contaminación mariña, convidando a participar este mércores 30 de xuño na creación de pezas co refugallo mariño recollido (poden inscribirse en [email protected]).

Novas propostas arredor do mar

O mar centra esta edición, con actividades como presentación do álbum ilustrado de Xosé Iglesias “Nación Mar” e tamén das proxeccións documentais: ”Caneliñas, a costa das baleas” de Paula Castiñeira e María G. Figueroa, e “Albatross” de Chris Jordan.
Tamén se proxectará, por cortesía do Museo Man de Camelle o documental “Man, el ermitaño artista” de Joan Mallarach, sobre a súa vida nos anos oitenta.

Colaborativo

Destaca tamén o carácter participativo desta edición: na xornada inaugural haberá serigrafía ao vivo coa imaxe do festival, levaranse a cabo obradoiros para todos os públicos: de mural, de cociña senegalesa e de cinema (poden inscribirse tamén en [email protected]).

Ademais, haberá un punto informativo cun pequeno mercado da arte que se situará no Casino, onde haberá pintura ao vivo e se poderán adquirir obras de pequeno formato dalgúns dos artenautas participantes, así como merchandising do festival.

O Festival, que conta co apoio do Concello de Corcubión, da área de cultura da Deputación da Coruña, de Suministros Lar, do colectivo Na Area, da EASD Mestre Mateo, de Radio Neria, da Asociación Boca de Sapo e do CEIP Praia de Quenxe, está activo nas redes sociais @festival.artenauta en Facebook e Instagram. E tendes aquí o programa completo

Novas relacionadas

Comentarios