Domingo. 15.09.2024
El tiempo

O BNG de Corcubión presenta unha moción para incluir o Feminicidio nas leis e outra contra a LOMCE

O BNG de Corcubión presenta unha moción para incluir o Feminicidio nas leis e outra contra a LOMCE
Mural Nin unha mais no Agra Raices Mural sobre violencia de xénero do Agra Raíces

Estao facendo en todos os Concellos, e en Corcubión, BNG local vai presentar dúas mocións de eido estatal no pleno deste vindeiro venres.

A primeira vén relacionada co 25 de Novembro, o Día Internacional contra a Violencia de xénero, e dende o BNG queren “visibilizar e erradicar a violencia machista en todas as súas formas”. Consideran “fundamental a inclusión do Feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres e que serva de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de Feminicidio”.

Entenden que “a resposta fundamentalmente penal diante deste problema tense demostrado como insuficiente, polo que é preciso avanzar no apoio económico, psicolóxico e social así como na prevención”. Así, recoñecen que “corresponde á Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza converterse nunha referencia para o combate deste problema e presionar para que se avance no recoñecemento das realidades de violencia machista e na súa prevención”.

Deste xeito, o BNG de Corcubión insta “á Xunta de Galiza a trasladar ao goberno do Estado a necesidade de modificar a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero”. Así mesmo, piden que se “melloren os servizos de atención psicolóxica información e inserción laboral recollidos na Lei galega e garantir que o servizo 016 de atención as mulleres estará operativo e con medios reais durante todos os días do ano as 24 horas do día”.

Contra as reválidas

Asemade tamén será presentada una moción para esixir a eliminación das revalidas por seren un obstáculo para facer efectivo “o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta”.

Por iso instan “á Xunta de Galiza a que solicite ao goberno do Estado a derogación da LOMCE, e que a Xunta a defenda as nosas competencias en materia de ensino para fortalecer un ensino público, galego e de calidade que potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios