O PP de Corcubión denuncia irregularidades na fiscalización do concello
08:02 03/06/16
Gema Freire, portavoz do PP en Corcubion
O grupo municipal do PP de Corcubión, liderado por Gema Freire, vén de denunciar o mal funcionamento o goberno local no que se refire ao control dos gastos despois de que o alcalde, Manuel Insua, recoñecese "erros" no abono dunha factura na que se pagaron 200€ por catro baldosas.
Segundo indican os populares, "o realmente preocupante" é que o propio rexedor admita no pleno que carga facturas ás arcas municipais "sen saber o contido exacto das mesmas". Restándolle así importancia ao importe da mesma. Neste sentido, a portavoz do PP en Corcubión recordou que neste caso foi a súa formación a que alertou da cantidade que se incluía pola baldosas e incidiu en que "a saber cantas veces puideron suceder casos similares con outras facturas".
Mala xestión
Por outra parte, o grupo popular contesta a través dun comunicado de prensa ás declaración do alcalde nas que defende a súa xestión ao frento do concello de Corcubión alegando que, na actualidade, as contas reflicten un saldo positivo de 200.000 euros. Freire recordou que o remanente sería maior se "gobernase con cabeza" e, sobre todo, se os veciños non tivesen que pagar os 15.000€ da multa de Inspección de Traballo ou os honorarios do avogado do anterior rexedor.
"Se o alcalde non acosase aos traballadores municipais, este concello non tería que estar pagando empresas de mantemento e arquitectos", sinala Freire.
Por último, no comunicado de prensa, a portavoz popular ironiza sobre a suposta boa situación das arcas municipais ao recordar que o rexedor "sempre se está queixando" de que o concello non ten recursos para afrontar novos proxectos. "Resulta chamativo que o alcalde presuma de contas saneadas e que a continuación lle diga aos veciños que non hai cartos para novos proxectos. Ou minte ou nos toma o pelo", sentencia a popular.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- PP Corcubión