Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Raúl Trasmonte, do Super Trasmonte: "Isto vai ser terrible, pero primeiro está a saúde"

Imaxe do Super Trasmonte.
Imaxe do Super Trasmonte.
Raúl Trasmonte, do Super Trasmonte: "Isto vai ser terrible, pero primeiro está a saúde"

Dende que se decretou o Estado de Alarma no noso país, a meirande parte da poboación encontrámonos nas nosas casas de corentena, algúns incluso tele traballando e intentado conciliar da mellor maneira posible en tempos de crise sanitaria. Mais existe outra parte que non poden seguir este requirimentos e deben saír a pé de rúa.

En QPC quixemos darlles visibilidade, coñecer a súa situación, como o están afrontando... E, por iso, abrimos unha serie de conversas con eses profesionais que deben seguir a pe de canón, expoñéndose deste xeito á posibilidade de contaxiarse.

Durante estes días coñecemos a versión das enfermeiras do Hospital Virxe da Xunqueira e mesmo daqueles negocios que deben seguir de cara ao público como na panadería Os Ancares, na gasolineira Bazarra, ou Juan no seu taxi.

Hoxe falamos con Raúl Trasmonte, xerente do mítico Super Trasmonte, situado en plena vila de Corcubión. Falamos con el de diversos temas: como están a levar a situación, como está a ser o seu día no super, cales son os produtos máis demandados ou se ten medo a contaxiarse.

  • QPC: Estades levando algún tipo de protocolo á hora de atender aos clientes para evitar os contaxios?

Si, estamos utilizando luvas e andamos tamén coa mascarilla.

  • QPC: Como están sendo estes días a nivel afluencia de xente no super?

Máis ou menos, a verdade. Aquí tampouco é ningunha loucura. Está sendo case o normal, polas tardes adoita ser máis reducido e polas mañás un pouquiño máis, pero nada, dentro do normal.

  • QPC: Vese á xente concienciada coas medidas de prevención instauradas polo Ministerio de Sanidade? Están a gardar as distancias, indo só un comprar, pagando con tarxeta...?

Bueno, aquí case todo é con carto. As distancias un si as gardan, outros xa non tanto... E o de vir un só a comprar case que si, aínda que aquí xa sempre viña case sempre unha soa persoa. Poden vir dúas persoas ás veces, pero tampouco non é o máis habitual. Niso está sendo case o normal de sempre.

  • QPC: A maiores, hai algunha medida que vos gustaría pedir aos vosos clientes co fin de evitar contaxios?

E que lles imos pedir? Jajajaja. Ao final xa está todo dito nos medios.

  • QPC: A pesares de ser un super máis pequeno que outros da contorna, estades a pasar a mesma loucura do papel hixiénico?

Bueno, o papel hixiénico estase vendendo bastante máis pero como eu tiña bastante reserva aínda me queda algo.

  • QPC: Cales están a ser os produtos máis demandados xunto co papel hixiénico?

O alcohol, que xa non somos capaces de conseguilo, e agora tamén se están acabando os guantes de látex. Tamén pedíronse pero a quen lle pedimos díxonos que de momento nada, que iso teñen que envialo todo para Sanidade.

  • QPC: En canto a abastecemento, estades tendo algún problema cos repartos ou só con ese produtos que comentabas?

Non, de momento están servindo perfectamente, o que pasa é que uns chaman por teléfono para facer o pedido cando antes viña o provedor, pero bueno, de momento estamos bastante ben. O dos guantes e o alcohol si que nada, guantes quédanme uns finos aínda, pero co resto ben.

  • QPC: Tedes medo ao contaxio ao estar expostos de cara ao público?

Normal, e quen non ten medo? Ademais que nós estamos no medio da xente sempre. Non é que haxa aglomeracións, pero estamos en contacto coa xente pero hai que estar ou pechar a porta... jajaja Que non sería viable e máis a xente terá que comer. Preferiría antes pechar que correr o risco, pero hai que fastidiarse.

  • QPC: A nivel económico, como vedes a situación de aquí en diante, durante a corentena e despois?

Ata gora ben, pero de aquí para diante vai ser terrible penso.

  • QPC: Vós ao ser un super e vender produtos básicos igual non vos afecta tanto?

A nós de momento vainos todo máis ou menos igual, pero isto aínda empezamos, que isto aínda vai para rato me parece... Isto vai ser terrible, pero bueno, primeiro está a saúde.

Comentarios