765.000€ para a mellora urxente do abastecemento de Coristanco ante a situación de emerxencia
Importante investimento autonómico para Coristanco. O Consello da Xunta autorizou onte o convenio de colaboración co Concello para afrontar a mellora do sistema de abastecemento, por máis 765.000 euros (o Concello terá que afrontar o 20%).
A obra é urxente, xa que o pasado 17 de febreiro o Concello declarou a emerxencia das obras de reforma da potabilizadora. Así, ante o risco de quedar sen este servizo e para poñer fin ás interrupcións no servizo de abastecemento e garantir a calidade da auga aos veciños, a obra realizarase canto antes.
Cómpre lembrar que o sistema de abastecemento que dá servizo a un 60% da poboación coristanquesa é de 1989. Así, hai numerosas deficiencias que provocaron que o pasdo 4 de febreiro unha avaría na estrutura do falso chan do sistema de filtración que implica unha perda do 50% da súa capacidade e un risco elevado de perder o outro 50% por sobrecarga. O 16 de febreiro informouse, novamente, doutra avaría na parte hidráulica do bombeo de alta, quedando operativa unha única bomba que non garante o caudal suficiente para abastecer o consumo da poboación.
Ante a situación de risco de quedar sen abastecemento municipal, o 17 de febreiro a entidade local declarou a emerxencia das obras de reforma da potabilizadora municipal, ordenando a súa execución no prazo máis breve posible.