Coristanco, corazón da posta en valor do produto local de horta da provincia

Despois de pasar polo Retiro da Costiña e pola Barbanza, a primeira edición do proxecto ‘Saudade’ pechábase este martes 15 de xullo en Coristanco. Concretamente a Despensa D'Lujo, a empresa agrícola bergantiñá habitual da rede gastronómica da Deputación, acollía unha segunda e última xornada para poñer o foco nos produtos locais da horta, protagonizada por máis dunha quincena de produtores, e na que se desenvolveron actividades como visitas á finca, degustacións, mesas redondas, encontro cos produtores e intercambios de experiencias.
O evento que reuniu a 13 chefs de todo o estado con máis de 20 estrelas Michelín para poñer en valor o sector agroalimentario local. Os recoñecidos chefs Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla foron os participantes deste evento, acompañados durante a xornada de hoxe do vicepresidente, Xosé Regueira; os alcaldes de Coristanco, Juan Carlos García; de Carballo, Evencio Ferrero; da Laracha, José Manuel López Varela; de Cabana, José Muíño; a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, e a concelleira de Vimianzo, María José Pose.
Regueira sinalou que, con ‘Saudade’, “queremos dar as grazas e recoñecer a todas as persoas do sector agroalimentario que traballaron intensamente e nos trouxeron ata aquí”, así como “celebrar o momento doce do noso sector de produción de alimentos” e, “por suposto, falar de futuro. Do futuro da alimentación e do planeta”. Neste sentido, o vicepresidente apuntou que a provincia da Coruña “é unha potencia: tanto pola despensa mariña como da horta, así como polo talento dos nosos profesionais, que son exemplo de innovación, calidade e sustentabilidade”. “Todo isto”, rematou, “contribúe a manter poboación e a xerar oportunidades no medio rural, por iso dende a Deputación continuaremos impulsando a capacidade desta provincia e deste país de producir, sorprender e xerar riqueza sustentable”.
Chegaba o autobús cos participantes a Coristanco para comezar o día paseando pola finca da Despensa d’Lujo e coñecer o detalle dos procesos de cultivo sostible. Posteriormente, o equipo dirixiuse á carpa de ‘Saudade’ onde estaban instalados os postos dos produtores locais A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D`Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte, onde degustaron os seus produtos.
O ambiente foise caldeando entre a diversidade de olores dos produtos e do entorno, ata que deron comezo as mesas redondas. A primeira delas sobre ‘Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria’, na que participaron o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D’Lujo. E, a segunnda e última, ‘Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional’, cos chefs Maca de Castro (1*), Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex.
Máis novas