sábado. 09.11.2024
El tiempo

Íntegro conciencia sobre as lesións medulares e a reciclaxe nas aulas da Costa da Morte

  • No que vai de ano, a entidade de Nantón xa leva ofrecido accións formativas a máis de 100 alumnos e alumnas da Costa da Morte
Lesión medular As Revoltas (Cabana)
Adolfo López no CEIP As Revoltas (Cabana)
Íntegro conciencia sobre as lesións medulares e a reciclaxe nas aulas da Costa da Morte

A familia de Íntegro continúa o seu percorrido polos centros educativos da Costa da Morte, levando tanto a súa campaña de prevención da Lesión Medular, como a campaña Diversiplás, fomentando a reciclaxe de plástico e involucrando aos centros no seu proxecto medioambiental.

Campaña de prevención da Lesión Medular

Coa finalidade de reducir os índices de discapacidade adquirida entre a mocidade da comarca, a entidade acodiu ao CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco na segunda xornada de sensibilización deste 2024, tras a sesión informativa levada a cabo o pasado mes de xaneiro no CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. 

Foi o pasado pasado xoves 21, cando a educadora social de Íntegro Tania Bartucca ofreceu unha charla ao alumnado de 4º da ESO para concienciar a un dos principais grupos de risco sobre a necesidade de evitar graves lesións de consecuencias irreparables. Accidentes domésticos, caídas, mergullos en zonas perigosas e unha condución arriscada son algunhas das principais causas, especialmente entre a poboación máis nova. 

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, tamén participou nesta actividade poñendo o foco na importancia da prevención como única medida efectiva para diminuír a sinistralidade entre a mocidade. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular, así como as barreiras físicas e sociais ás que debe facer fronte. 

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña, que constitúe unha das principais accións do programa Capacíta-T, ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, poden poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico [email protected] ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Diversiplás 

Lesión medular Xosé Pichel
Sesión sobre prevención de lesións medulares no CPI Xosé Pichel de Coristanco

Por outra banda, máis de 50 alumnos de 5º e 6º de primaria do CPI Xosé Pichel de Coristanco participaron nunha xornada de sensibilización en materia de recuperación e valorización de residuos plásticos, enmarcada no programa Capacíta-T. Logo de dar a coñecer aos escolares á entidade e o proxecto medioambiental Diversiplás, explicaron conceptos relacionados coa reciclaxe e os diferentes tipos de plásticos, facendo especial fincapé na importancia de darlle unha segunda vida ás cousas desde a infancia. 

Dentro da campaña que Íntegro levando a cabo este ano nos colexios da Costa da Morte coa intención de implicar á comunidade educativa na recolecta de residuos, ao centro coristanqués asignóuselle a recollida de tapóns de cor lila, rosa e morado que se destinará á fabricación de novos produtos. Agora só queda esperar á recolecta da nova materia prima e dar as grazas por tanta colaboración e interese. 

Comentarios