Luns. 18.11.2019
El tiempo

A Asociación Íntegro inicia en Carballo a súa campaña anual de prevención das lesións medulares

A Asociación Íntegro inicia en Carballo a súa campaña anual de prevención das lesións medulares
Despois da presentación da iniciativa na Casa do Concello, membros da entidade ofreceron a primeira charla no IES Alfredo Brañas. “Levamos 25 anos tentando que os rapaces se conciencien para que diminúan as lesións medulares”, asegura Adolfo López Baña, presidente da Asociación Íntegro. I é moi probable que o feito de que hoxe en día se produzan menos lesións por accidentes de tráfico ou nas praias teña bastante que ver co labor que vén desenvolvendo este entidade. “Se en todos estes anos evitamos un só caso xa pagou a pena”, sinalou López Baña. Así o manifestou na presentación da campaña en Carballo xunto a David Pombo e Teresa Fuentes Alvarellos, tamén lesionados medulares, e á educadora social Tania Bartucca, nunha nova campaña de prevención da lesión medular, que arranca xa de cara ao ano 2018 polo municipio carballes. O presidente de Íntegro agradeceu a colaboración do Concello, que estivo representado pola concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero, quen agradeceu o “traballo extraordinario” que desenvolve a asociación e animou aos seus representantes a que “non vos cansedes”. Membros de Integro e do Concello de Carballo no acto de presentación Adolfo López lembrou os inicios da campaña e explicou como se desenvolve agora. En todos os centros participantes proxectarase un vídeo elaborado especificamente, e a partir do cal se dá pé a un coloquio “no que nos preguntan de todo, desde cuestións fisiolóxicas ata como o superamos, algunhas veces non esperamos as preguntas que nos fan”, recoñeceu Adolfo López. Nestes momentos, Íntegro está traballando tamén na organización de charlas para persoas maiores, porque fronte ao descenso das lesións medulares na xente nova detéctase un aumento entre as persoas de idade, sobre todo por caídas fortuítas. “Cremos que desde a Consellería de Sanidade deberían facer campañas específicas, porque se para unha persoa moza xa é difícil superalo, para unha persoa maior moito máis”, declarou. A concelleira de Benestar insistiu na importancia da información, pero tamén de que as discapacidades que pode provocar unha lesión medular se vexan con normalidade dentro da sociedade, e nese sentido cualificou aos membros de Íntegro como “un exemplo”. Evencio Ferrero apuntou, así mesmo, que ao mesmo tempo que se traballa na prevención é preciso avanzar na consecución de “sociedades inclusivas, porque todas e todos podemos aportar moito desde a diversidade”. Despois da presentación da campaña na Casa do Concello, os tres membros de Íntegro desprazáronse ao IES Alfredo Brañas para ofrecer a primeira charla da nova temporada da campaña de prevención. Á volta das vacacións de Nadal fixaranse as datas para os IES Monte Neme e o Isidro Parga Pondal.

Comentarios