A oposición prepara un pleno quente en Coristanco


Seguen as espadas afiadas por Coristanco e os dous grupos máis activos da oposición non deixan de levar mocións a pleno. BNG e Terra Galega preparan xa o pleno do vindeiro mércores 28 de xaneiro, no que sacarán varios temas enriba da mesa.
TEGA levará a situación da escola unitaria de Oca, asi como a problemática da espera que teen que pasar, mesmo en días de chuvia, os alumnos para acceder polas mañás ao colexio Xosé Pichel. E por iso propoñerán que sexa o concello o que propoña unha solución alternativa.
Varias propostas do BNG
Mentres, o BNG xa rexistrou unha batería de iniciativas para o pleno do próximo mércores. Por unha banda, o BNG preguntará pola praza de especialista retirada ao colexio Xosé Pichel. Cabe recordar que houbo un acordo unánime do pleno en reclamar á Xunta a súa cobertura, pero dous meses despois “nada se sabe das xestións do goberno local, e por suposto a resposta do goberno galego foi manterse na súa política de recortes”, sinala.
O grupo da oposición preguntará igualmente pola polémica na xestión dos locais públicos e os criterios que ten o goberno local para decidir. O BNG preguntará tamén polo “diñeiro público que se investirá no arranxo da Capela de Santa Marta, de que administracións procede e as prioridades de gasto nestes tempos nos que tantas familias teñen problemas económicos e nos que a axuda a unha institución que xa recibe varios millóns de euros cada mes das arcas do Estado non debería ser unha das prioridades”.
Pero a proposta máis importante será a que relacionada co urbanismo en Coristanco sobre “a parálise na tramitación do Plan Xeral; as sucesivas irregularidades urbanísticas coñecidas; ou a falta de cobertura dunha praza no departamento municipal correspondente, que se está a cubrir con facturas gravosísimas a persoal externo”. O BNG pedirá a a”dhesión do Concello de Coristanco á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, como forma de reforzar a vixilancia da legalidade na materia no noso termo municipal”, ademais de esixir unha “explicación pormenorizada do estado de tramitación do Plan Xeral ao alcalde”, e de pedir “a cobertura urxente da praza vacante no departamento de urbanismo, cumprindo todas as legalidades esixibles”.
Rebaixa de impostos
Paralelamente, o goberno municipal de Coristanco presentará no pleno do vindeiro mércores un proxecto de modificación da ordenanza fiscal 17, reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, coñecido popularmente como imposto de plusvalías e que se aplica ás transmisións de bens inmobles. O executivo evitará que cando a casa pasa a mans do banco houbese que pagar a Facenda polo suposto beneficio fiscal.
O goberno municipal revisa á baixa a ordenanza fiscal correspondente e establece bonificacións do 95 % para as herdanzas. Ademais, o pleno abordará tamén a modificación do imposto sobre vehículos para eximir do seu pago aos vehículos históricos ou de máis de 25 anos.
Novas relacionadas
- A oposición volve denunciar un posible pelotazo urbanístico en Coristanco.
- De subvencións perdidas e mesas de contratacións envelenadas por Coristanco.
- Da mala praxis de non xustificar as subvencións.
- Fotodesfeita: Soneca plenaria en Coristanco.
- Outro edificio municipal, sen uso.
- Piden que se anule a inhabilitación á Secretaria Municipal de Coristanco.
Fonte
- Notas de prensa do BNG e TeGa de Coristanco.