Venres. 26.04.2024
El tiempo

Gran malestar no sector da pesca artesanal ante a instalación de cámaras e xeolocalizadores impostas pola UE

Pequena embarcacion de pesca de baixura na zona dos Miñarzos
Pequena embarcación de pesca de baixura na zona dos Miñarzos
Gran malestar no sector da pesca artesanal ante a instalación de cámaras e xeolocalizadores impostas pola UE

Este pasado xoves, o Pleno do Parlamento Europeo aprobaba a reforma do Regulamento de Control da Pesca. Unha decisión que obriga a instalar xeolocalizadores (a través do teléfono móbil), cámaras e diarios de abordo (cunha APP instalada no teléfono) en todas as embarcacións de máis de 4 metros. Incluídas as de menos de 12 metros, as de pesca artesanal, que a pesar do estrito control que xa sofren actualmente, terán que facer efectiva, nos vindeiros 4 anos, a instalación destes dispositivos.

Unha decisión que pon de novo patas arriba o sector da pesca artesanal en Galicia, composta por máis de 4.000 embarcacións. Boa parte do sector, que estes días está en continuo contacto, de norte a sur, quere amosar o seu profundo “malestar”, recoñecendo que en moitos casos se formulan a posibilidade de comezar unha serie de mobilizacións por todo o país.

Unha das primeiras confrarías en opinar oficialmente é a de Corme, que deixa patente a súa "disconformidade" coa imposición e invita ao resto do sector a "organizar mobilizacións".

”Parece que queren volver criminalizar o noso sector, e se non nos unimos e amosamos a nosa disconformidade e intentamos tirar eso abaixo, vainos tocar cumplilo, porque xa sabemos que lei que se pon, lei que queda”. reflexiona o mesmo patrón cormelán Roberto Vidal.

“Non nos opoñemos ao control, de feito nós xa estamos extra vixilados”, recoñece Vidal, que recorda que nos últimos anos se estrearon 4 novas embarcacións lixeiras de Gardacostas e hai unha de altura en construción. “A meirande parte traballamos a 2 millas da costa, que se nos ve perfectamente. Temos topes super controlados. Para que serve isto? Que función ten? É só para acabar para a pesca”, lamentan. “E para recaudar”, puntualizan, porque este estrito control só servirá para poñer “multas por chegar unha hora tarde, ou por comezar un día unha hora antes das 48 horas de descanso obrigatorio porque tes unha obriga”.

Nos últimos anos vaise facer unha nova patrullera

Seguridade ou control?

A EU intenta explicar a decisión de instalar o sistema de xeolocalización na idea de aumentar a seguridade. Dende o sector non o ven do mesmo xeito. “Vemos razonable emitir un sistema de radiobaliza, que lance un SOS cando o barco vaia a pique, pero ter xeolocalizadores parécenos demasiado”, explican, ao tempo que consideran demasiado intrusivo ter ”cámaras que emiten en directo”.

Sobre o diario de abordo, a visión tamén é clave: “Nas embarcacións pequenas temos que estar pendente da estabilidade, sobre todo cando hai mal tempo, non vas estar pendente de cubrir o diario de abordo.”

Alegacións do BNG: “A imposición de Bruxelas do diario electrónico para a pesca artesanal é un gran agravio”

Ana Miranda BNG

Ana Miranda, a través da Alianza Libre Europea (ALE), foi unha das poucas que non votou esta lei no Parlamento Europeo, e aproveita para critica a frota artesanal non sexa excluída da mesma. “A aprobación da esixencia do diario electrónico a bordo, é algo moi gravoso para a frota artesanal galega, porque ou pescan ou anotan.

Miranda pide que os barcos de menos de 12 metros poidan seguir presentando as capturas en formato impreso, xa que estas medidas “supoñen unha carga desproporcionada para os barcos e súa capacidade de faenar”, como presentou nunha emenda que foi rexeitada.

Máis críticaaínda se amosa coa a aprobación da instalación de cámaras nas embarcacións, “unha medida excesivamente invasiva”. “Parece que en Europa están máis preocupados en lexislar que en saber como son as condicións de traballo dun sector tan duro como o pesqueiro”. “No BNG non estamos a favor da imposición de máis trámites administrativos aos mariñeiros nin de medidas que fagan o seu traballo máis complicado”, concluíu.

Novas sobre Relevo Xeracional no Mar

 

Novas sobre a Pesca artesanal

 

Artigos da serie Calafateando

 

Outras novas

Comentarios