Mércores. 16.10.2024
El tiempo

As cartas do Avó Pascasio: Unha petición para o presidente Scioli

As cartas do Avó Pascasio: Unha petición para o presidente Scioli

Moi querida neta Cristina:

Escribo para pedirche que nos fagas o favor de transmitirlle ao presidente Scioli unha solicitude do grupo de veteranos membros da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense. Trátase de que reciba información veraz sobre a situación de urxencia no Centro Galego de Bos Aires. O pedido concreto é que siga axudando ata que cheguemos a unha solución definitiva para a entidade galega máis importante da República Arxentina.

Seguimos preocupados aínda que esperanzados en que o presidente Scioli seguirá na mesma liña de solidariedade activa que iniciaches. Non queremos que o esforzo emigrante de máis dun século de suor ininterrumpido sexa aproveitado ---a prezo de ganga ou saldo--- por unha empresa privada controlada por coimeros médicos macricidas.

Estaraste preguntando se andamos medio "boleados" ou se perdemos as neuronas ao falar do presidente Scioli antes da cita electoral do 22 de novembro. Acá arriba, Cristina, non necesitamos esperar ao domingo electoral. Guiámonos por un especial detector celestial que non ten o máis mínima marxe de erro. Observamos o corazón dos votantes para determinar a porcentaxe exacta de "honradez emocional" en sangue bombeado por segundo.

O resultado é dunha ampla maioría cidadá que anhela o progreso en hermandad solidaria. Constátase que a xenerosidade tradicional do arxentino é unha virtude que supera ao egoísmo do votante de "medio pelo" que adoita proliferar na CABA.

Gustarache saber que Daniel de Vila Crespo está recibindo apoios totalmente inesperados. Onte visitounos o ex presidente do Centro Galego, Eduardo Sánchez Milleiros. Viña eufórico ao ser o mensajero oficial do ex presidente de Galicia, Fraga Iribarne. Comunicounos que o seu admirado don Manuel -así o chama sempre- opta por Scioli. A verdade é que nos descolocou.

O pasado de Fraga lévache a pensar que elixe sempre ao candidato máis dereitoso. Eduardo manifestou que o gran líder de Vilalba esgrime dúas razóns básicas en favor de Scioli. Unha primeira é a nivel persoal xa que o outro candidato aseméllaselle moito ao inadecuado estilo de Berlusconi. A segunda é polas raíces xa que Daniel conta co valor agregado de ser portador de sangue galego por vía do apelido Méndez. Agregou ademais que para o salvamento do Centro Galego é o presidente adecuado xa que o outro se inclinará por rescatar ao "Ospedale Napolitano".

Téñome que despedir. Aínda tes moito "laburo" e non quero distraerte. A miña experiencia vital indícame que as certezas dunha boa xestión de goberno concrétanse en ver á familia reunida ao redor dunha parrilla repleta de asado de tira. Os globos de cores son efémeros. Non enchen a panza. Cando crecemos buscamos a estabilidade que substitúe á alegría infantil de correr unha cuadra para agarrar o globo enganchado na árbore. Recide a aperta do avó fonsagradino que non esquece aos amables anfitrións que lle abriron a porta a un espazo de benestar.

Pascasio Fernández Gómez.  
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios