Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Unha brisca interxeracional entre o alumnado do IES de Ponteceso e os maiores do Centro de Día de Cabana

Interxeracional Alumnado do IES de ponteceso na Residencia de Cabana
Unha brisca interxeracional entre o alumnado do IES de Ponteceso e os maiores do Centro de Día de Cabana

O ciclo medio de Atención a personas en situación de dependencia do IES Eduardo Pondal de Ponteceso segue a tecer redes dentro da comarca. Nesta ocasión organizou de novo unha actividade interxeneracional entre o alumnado de 2º da ESO e as persoas usuarias do Centro de Día de Cabana, para realizar unha sesión de xogos de mesa, partidas de cartas e conversa, na que de seguro aprenderán moito uns e outros.

"A atención a persoas en situación de dependencia vai máis aló dos coidados asistenciais, e poñer en valor o acompañamento, o lecer, a posta en valor dos saberes das persoas maiores e a estimulación cognitiva, son fundamentais no bo trato aos nosos maiores", entenden dende o centro pontecesán. "Todo isto transmitímolo no ciclo medio e queremos realizar tamén unha labor de concienciación comunitaria na nosa contorna máis próxima en especial, na mocidade".

Xa non é a primeira vez que colaboran ambas entidades, e a colaboración co Centro de Día sempre foi aberta e entusiasta dende que abriu o ciclo no noso centro o pasado curso. Sempre se amosou aberto a colaborar e axudar na formación do alumnado do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia.

As persoas usuarias do centro, sempre manifestan a súa alegría de compartir estes tempos de xogos porque “cargamos as pilas cos nenos”, e o alumnado leva esperando desde principio de curso a oportunidade de voltar xogar ao centro de día, xa que o pasaron moi ben o ano pasado e aprenderon moito das persoas maiores.

Uns e outros contan seguir con estas colaboracións nos vindeiros cursos, para seguir ofertando unha profesión de futuro e tan necesaria na nosa contorna. Sen ir máis lonxe en abril, serán as persoas usuarias do Centro de Día, convidadas especiais da semana cultural do instituto.

Comentarios