Cando é Feira
Esta fin de semana os amantes da festa e da tradición teñen un evento para non perder. A parroquia de San Tirso de Cando (Outes) continúa a celebración das súas festas patronais cunha feira tradicional que se desenvolerá durante toda a xornada do sábado, 31 de xaneiro. A Asociación Veciñal Feira dos Carros é a encargada da comisión de festas e, facendo honra ao seu nome, decidiu recuperar dalgún xeito unha singular tradición do lugar: a Feira dos Carros. Antigamente, no que hoxe é o campo de fútbol, celebrábase, só durante o día de San Tirso (28 de xaneiro) unha feira especificamente dedicada á compravenda de carros, arados e grades. A este mercado acudían carpinteiros de Cando e doutras zonas próximas.
A historia recóllea Ramón Blanco, natural da freguesía, nunha publicación na que está a traballar, por encargo da mentada asociación veciñal. Un adianto do texto ofrécese no libreto preparado coa publicidade das festas, e que forma parte do proxecto global “Cando era Festa”, que se vai presentar ao público na propia feira, mañá sábado ao mediodía.
Esta nova feira pretende revivir o espírito da histórica Feira dos Carros de Cando, “un espazo de encontro para artesáns, produtores locais e toda a comunidade”, como reivindican desde a asociación organizadora. Trinta postos de artesanía, tamén de comida, canda actuacións de música e baile, serán o marco ideal para a redescuberta dos carros do país. A maridaxe perfecta da artesanía local cos sabores da nosa terra.
O programa completo, así como máis información sobre o evento pode atoparse na páxina: cando.gal.
